As tres gañadoras do certame de fotografía da Laracha
Xa hai gañadores da modalidade “Xeral” da 3ª edición do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo. O xurado, formado por Raúl Lorenzo -fotógrafo profesional e realizador audiovisual-, Guillermo Iglesias -tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM- e Rosario Mouzo -técnico de Turismo-, decidiu os 3 gañadores
O primeiro premio (dotado con 600 euros) foi para a foto titulada Conxunción astronómica, de Andrés García Facal. Trátase dunha panorámica composta por catorce tomas na que se ve o faro das Illas Sisargas, Malpica, a posta da lúa sobre Razo, parte da constelación de Escorpio, o núcleo da Vía Láctea sobre o que pasa unha estrela fugaz e parte da vila e da parroquia de Caión.
O segundo premio (400 euros) é para Fervenza no Acheiro, de Eduardo Verdes Pereira, pola imaxe da baixada de auga nese río á altura da antiga central eléctrica preto da Ribela.
O terceiro premio (250 euros) concédese a Mar de Caión, instantánea tomada por Alejandra Gesto no cantil baixo o Sendeiro de Saldoiro, destacando nela as rochas, o mar e, ao fondo, a vila de Caión.
Aínda permanece aberta a votación na modalidade “Redes Sociais”. Ata o venres 13 de outubro ás 9:30 horas calquera internauta pode votar polas súas imaxes favoritas accedendo á páxina de Facebook Turismo da Laracha. Aquela fotografía entre as 27 presentadas que obteña máis “gústames” será a gañadora e o seu autor recibirá 250 euros.
EXPOSICIÓN
O centro sociocomunitario de Caión acollerá do 9 ao 27 de outubro a exposición fotográfica O legado hispánico na illa de Guam, unha mostra cultural con máis dun centenar de imaxes das pegadas españolas aínda presentes na Micronesia que poderá visitarse de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.
O organizador da exposición é Clark Limtiaco, investigador e asesor cultural de Guam, de onde é natural. Esa illa do Pacífico occidental pertence aos Estados Unidos desde 1898, pero foi territorio español durante máis de tres séculos. Tivo unha gran relevancia nas épocas da exploración e do primeiro comercio global ao ser a escala máis importante na ruta marítima da Nao de China que conectaba os portos hispanos de Acapulco e Manila na Idade Moderna. Por ese motivo conserva a día de hoxe unha cultura mestiza.