Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Hoxe arrinca a terceira edición do ciclo Teatro con Salitre de Caión

Teatro con Salitre 2024 Caion-Laracha 2
Hoxe arrinca a terceira edición do ciclo Teatro con Salitre de Caión

O Concello da Laracha continúa apostando por achegar as artes escénicas ás tres vilas do municipio. Neste mes de marzo o protagonismo será para Caión, que acollerá a terceira edición do ciclo Teatro con Salitre nas instalacións do Centro Sociocomunitario. Todas as pezas serán en venres ás 21:00 horas e con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo da sala.

O pano abrirase o venres 8 de marzo con Top manta da compañía Fulano, Mengano e Citano. Escenificada por Suso Pando, Manuel Pombal, Paulo Medal e Marcos Alonso, a obra conta en clave de comedia unha serie de historias vivas, próximas, sorprendentes e case verídicas.

A semana seguinte, o venres 15, será a quenda para O porco de pé, unha versión de Pepé Sendón do clásico de Vicente Risco dirixida por Quico Cadaval e interpretada polo dúo cómico Mofa e Befa (Víctor Mosquera e Evaristo Calvo) e Patricia Vázquez. Esta peza da compañía Producións Excéntricas foi gañadora de tres premios María Casares.

O ciclo pecharase o venres 22 con Manuel Manquiña e Sabela Hermida e a obra Todo nunha noite, a nova montaxe da compañía Abismo Caracol que promete sesenta minutos de risas, emoción e reflexión sobre a sociedade e as súas contradicións.

Do mesmo xeito que na Laracha cos Venres Teatrais do mes de novembro e en Paiosaco coa Primavera Teatral de abril, o Teatro con Salitre xa está consolidado en Caión na programación cultural anual desenvolvida polo Concello.