Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Laracha aborda a ampliación do Polígono e solicita dous novos Obradoiros de Emprego

Reunion do concello de Laracha coa xerente de SEA
Reunión do alcalde de Laracha coa xerente de SEA
Laracha aborda a ampliación do Polígono e solicita dous novos Obradoiros de Emprego

Dúas novas accións do Concello de Laracha para co emprego. Por un lado, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, mantivi unha reunión coa xerente de Suelo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo para continuar dando pasos para a ampliación do parque empresarial, dada a súa elevada porcentaxe de ocupación.

Ademais, o Concello presentou dous novos proxectos de Obradoiros de Emprego.

Ampliación do Polígono

A ocupación do polígono empresarial de Laracha ronda xa o 70%. Polo tanto hai que afrontar unha ampliación. Para iso, o Concello xa ten preparados unha serie de terreos pola “cornixa norte”, e Suelo Empresarial do Atlántico vai encargar “un estudo para analizar tecnicamente esta ampliación e os seus custos”.

Na actualidade son 16 as empresas que xa comezaron a operar ou adquiriron chan para a súa próxima instalación, entre as que se contan compañías como Inditex.

Novas propostas para acoller Obradoiros

Son os Obradoiros de Emprego unha boa saída para a inserción laboral. 6 meses de formación específica nunha profesión, cobrando ademais un soldo, é unha experiencia moi positiva para a mocidade. De aí que o Concello propoña á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia dous novos Obradoiros, un dual e outro xuvenil, contemplándose a participación de 36 alumnos traballadores entre ambos programas.

O dual, sería xa o 6º, constaría de dous módulos, sendo un deles o de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e o outro, o de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. As actuacións principais serían a mellora e embelecemento da área recreativa de Gabenlle e a posta en valor das 4,5 hectáreas da área verde situada xunto ao parque empresarial.

O outro sería un obradoiro de emprego xuvenil (dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade que figuren no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil) que tamén constaría de dúas especialidades. A de pintura actuaría en infraestruturas e equipamentos municipais e a de carpintería de madeira encargaríase de renovar o mobiliario da Praza do Concello, crear novas marquesiñas do transporte público e construír unha caseta móbil para o equipo de salvamento e socorrismo que presta servizo cada verán na praia de Caión. Neste caso o número de alumnos traballadores sería de dezaseis e a duración do programa, de doce meses.

Entre os dous, o investimento supera os 900.000€.

Novas relacionadas

Comentarios