domingo. 21.06.2026
El tiempo

Na Laracha caben todas as cores

2026.06.18.- Presentación campaña LGTBIQ
O acto desenvolveuse na Praza da Cultura da Laracha e contou coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Igualdade, Rocío López, encabezando unha ampla representación do goberno local. Tamén asistiron a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a técnica municipal de Igualdade.
Na Laracha caben todas as cores

Fermosa e necesaria campaña institucional aberta onte no Concello da Laracha. “Na Laracha cabemos todas as cores” promove en torno á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ e coa que se pretende visibilizar a diversidade e reforzar os valores de respecto, a igualdade e a convivencia entre a cidadanía.

A campaña transmite unha mensaxe de inclusión e respecto, reivindicando unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir con liberdade, dignidade e igualdade de oportunidades, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.

Durante a presentación, o alcalde destacou que “A Laracha é un concello de todas e de todos. Un lugar no que a diversidade non só ten cabida, senón que forma parte da nosa sociedade e da nosa forma de convivir”. Ademais, incidiu en que a campaña pretende seguir avanzando “nunha Laracha máis inclusiva, máis respectuosa e máis comprometida coa igualdade de dereitos”, defendendo que cada persoa poida vivir con liberdade, sen medo e con dignidade.

Na Laracha cabemos todas as cores

A identidade visual da campaña está protagonizada por unha ilustración que representa simbolicamente o municipio da Laracha como un espazo compartido, aberto e acolledor. A composición mostra persoas de diferentes idades e realidades convivindo nun mesmo entorno, mentres que os elementos inspirados na bandeira arco da vella reforzan a mensaxe de diversidade, visibilidade e igualdade. Os camiños que percorre a imaxe simbolizan a convivencia e a unión entre as persoas, poñendo en valor a riqueza que achega a pluralidade á vida comunitaria.

A campaña xa está presente en diferentes espazos municipais a través da instalación de cartelería e soportes gráficos -como por exemplo, na Praza da Cultura-, ademais de contar cunha destacada difusión nas redes sociais municipais mediante publicacións, contidos audiovisuais e accións de sensibilización dirixidas a públicos de todas as idades.

Comentarios