Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A Laracha celebra en novembro unha nova edición dos Venres Teatrais

Venres Teatrais Laracha outono 2022
A Laracha celebra en novembro unha nova edición dos Venres Teatrais

Ademais dos programas de Andainas, A Laracha prepara tamén un outono cultural. Así a capital municipal acolle no mes de novembro unha nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas culturais de referencia dentro da programación anual organizada polo Concello.

O ciclo constará de cinco das pezas máis importantes do momento no panorama galego, que se interpretarán no escenario da Casa da Cultura da Laracha en todos os casos a partir das 21:00 horas e con espectáculos dirixidos a maiores de 13 anos de idade.

A función que abrirá o pano o venres 4 de novembro será O electo, unha comedia sobre a vocación política interpretada por Fernando Coronado e Antonio Mourelos e dirixida por Cándido Pazó.

O venres 11 ofrecerase Tabú, un espectáculo de Carmen Conde que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos e de diferentes puntos de Galicia sobre a súa vida sexual.

O día 18, subiranse ao escenario os actores Marcos Orsi e Jouse García para protagonizar Sós dando vida a dous homes octoxenarios que se ven na obriga, polas circunstancias, de compartir piso.

O 25 de novembro é aquenda para The Witch, de Diana Sieira. Conta a historia dunha muller acusada por bruxaría na Idade Media.

O ciclo concluirá o 2 de decembro con Miss Docet. A actriz Iria Pinheiro protagoniza esta peza de teatro documental sobre a historia de Emilia Docet, viguesa que foi coñecida como a Miss España Galeguista tras gañar ese concurso nacional de beleza no ano 1933.
 

Comentarios