Laracha disponse a empregar 1 millón de euros de remanente en obras de interese xeral
Novas comisións do Covid19 as celebradas esta pasada semana en Laracha. Con propostas económicas importantes como son a idea de comprometer 1,1 millóns de remanente de tesourería (o Concello ten máis de 3,2 millóns e coa flexibilización da Lei de estabilidade orzamentaria tería marxe) en accións de interese xeral como a adquisición de terreos (na zona do CEIP Otero Pedrayo), mellora da rede viaria (da estrada Bos Aires-O Pereiro e mais en Montemaior), a creación de aparcamentos (na praia de Caión e en Paiosaco), compra de equipamento e aumento da subvención a Protección Civil, ademais da adquisición de equipamento para poñer en marcha o centro sociocomunitario de Caión.
Unha proposta que se debatirá esta semana nun pleno que terá lugar na Casa da Cultura para posibilitar que os edís e os empregados municipais poidan gardar a distancia social.
Máis horas de Axuda no Fogar
A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia aumentou en 2.230 as horas asignadas ao Concello da Laracha para a prestación do servizo de axuda no fogar. O reparto das mesmas realizarase polas asistentes sociais municipais para atender casos de emerxencias derivados da alerta sanitaria, usuarios que precisan de máis horas do servizo, persoas maiores que se atopan soas e requiren acompañamento e tamén usuarios do centro de día que non disfrutaban do servizo de axuda no fogar. Durante o estado de alarma, estas novas horas non terán ningún custe para os beneficiarios.
Obras en marcha
O proxecto en execución na zona de produtos do campo do recinto feiral de Paiosaco está prácticamente rematado. Despois de realizarse a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente dunha superficie de seis mil metros cadrados, nos últimos días realizouse o pintado tanto dos pasillos como dos postos de venda e soamente resta por marcar a numeración de ditos postos para dar por rematadas as actuacións previstas.
Ademais, as obras de construción das beirarrúas e renovación do pavimento das rúas Urbano Lugrís e Emilia Pardo Bazán (anteriormente denominadas 2ª e 3ª travesía Eusebio Bértoa Queijo) entraron na súa fase final.
Así mesmo, o Concello vén de adxudicar dous novos proxectos de mellora da rede viaria municipal, afectando un deles a rúas do núcleo urbano da Laracha e, o outro, a estradas rurais das parroquias de Caión, Torás e Soandres.