"A Laracha en marcha contra o cancro"

O día 1 de maio vaise celebrar unha nova edición da andaina solidaria que organiza a Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) baixo o título "A Laracha en marcha contra o cancro".
O evento foi presentado hoxe coa presenza da presidenta e vogais da entidade organizadora e tamén dos principais colaboradores, que son o Concello da Laracha e o Centro Deportivo e Social Tempo.
A actividade consistirá nun percorrido circular de 6,2 km con inicio -ás 10:45 horas- e fin na Praza Les Sables d’Olonne da Laracha. Pasarase por puntos de interese como o Castro de Montes Claros e o paseo fluvial do río Vilán. A dificultade é baixa para favorecer a participación de todos os públicos.
En representación municipal o alcalde, José Manuel López Varela, deulles as grazas ás representantes da Xunta Local da Laracha da AECC polas iniciativas que promoven durante todo o ano, mostrando “o apoio do Concello” a todas elas. Concluíu animando á cidadanía a participar na andaina do 1 de maio.
A presidenta da entidade solidaria, Maica Posse, expresou o seu agradecemento a todos os colaboradores e anunciou que a inscrición xa está aberta, cun prezo xeral de 5 euros, que se reduce a 3 euros para nenos de ata 12 anos de idade. Para anotarse as persoas interesadas poden dirixirse aos establecementos colaboradores (Centro Deportivo e Social Tempo, piscina municipal da Laracha, Frutería Sandra na Laracha e Floristería Casbo en Paiosaco), na web da AECC ou contactando coas membros da directiva da entidade na Laracha. En caso de que algunha persoa non poida asistir pero desexe colaborar, tamén pode adquirir un dorsal solidario. E tanto nas datas previa á proba e o mesmo día do evento, poranse á venda camisetas e chuvasqueiros da Xunta Local da Laracha da AECC.
O Centro Deportivo e Social Tempo -con instalacións en Vilaño- será outro dos principais cooperadores na xornada do 1 de maio, ao longo da que proporán actividades para facer da andaina unha experiencia deportiva máis completa e cun maior benestar para os participantes. Lucía Graña, unha das socias do Centro xunto ao seu irmán Jesús, tamén quixo destacar o seu agradecemento tanto á AECC como ao Concello por organizar “iniciativas cun fondo tan bonito e necesario”, mostrándose “encantada por poder colaborar”.
Con este evento preténdese mobilizar á cidadanía nunha xornada de concienciación, solidariedade e apoio ás persoas afectadas pola enfermidade. A recadación íntegra destinarase á causa da Asociación Española Contra o Cancro.