Laracha propón a creación dun novo depósito de abastecimento de auga
O grupo de goberno do Concello da Laracha proporá en comisión informativa e despois no pleno de venres, a creación dunha nova infraestrutura de abastecemento, debido ao crecemento poboacional. A idea é asinar un convenio con Augas de Galicia que implicaría a creación dun novo depósito de auga de cabeceira e unha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións.
Ambos proxectos corresponden á primeira fase do plan de melloras da rede de abastecemento do Concello da Laracha. O investimento previsto nese convenio sitúase en 1.850.000 euros, dos cales a achega municipal sería de 370.000 euros, financiando Augas de Galicia os 1.480.000 euros restantes. As obras executaríanse entre os anos 2021 e 2022.
Festivos locais
Outra das cuestións que se tratarán na Comisión Informativa de Asuntos Xerais antes de elevala ao Pleno do venres será a fixación dos festivos locais para o ano 2022. O grupo de goberno proporá, como é habitual, que sexan o Martes de Entroido (1 de marzo) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).
Labores de desbroce
As brigadas medioambientais desenvolven unha intensa actividade en diferentes localizacións do termo municipal e con intervencións de moi diversas características para mellorar espazos públicos e infraestruturas municipais.
Actuación no paseo do río Vilán
Os integrantes do Obradoiro de Emprego A Laracha VI están facendo melloras no paseo fluvial do río Anllóns e as brigadas medioambientais municipais traballan no do río Vilán, na parroquia de Cabovilaño.