En marcha a Carreira do Apóstolo, o evento deportivo máis multitudinario da Laracha

A Asociación Adro de Vilaño presentou no Dia do Deporte da Laracha a 8ª edición da Carreira do Apóstolo, o evento deportivo máis multitudinario do Concello da Laracha. A proba, respaldada pola Deputación da Coruña e o Concello da Laracha, combina deporte, saúde, diversión e solidariedade, e encherá a capital larachesa na xornada do 12 de xullo.
“Queremos un evento deportivo aberto a todas as persoas, sen importar a idade nin a forma física” afirma Juan Ramos, responsable da proba. “Hai xente que ven competir e facer tempos, outros veñen a camiñar ou a acompañar. O importante para nós é que ninguén quede fóra”, sinalan dende a entidade.
A carreira, que forma parte do XI Circuito de Carreiras da Deputación da Coruña, ofrece unha nova distancia de 7 km para a categoría absoluta co obxectivo de facer a proba mais atractiva e accesible, e contará cunha ampla programación para todas as idades: 18:00 h – Benxamín e alevín; 18:15 h – Infantil e cadete; 18:45 h – Pitufos; 18:55 h – Andaina Solidaria con Cáritas e AECC; 19:00 h – Xuvenil e Absoluta; 19:30 h – Actividade dirixida: Salsation
A cita inclúe unha Andaina Solidaria de 3,5km que ten como finalidade recadar fondos para a AECC (Asociación Española Contra o Cancro) e Cáritas da Laracha, así como unha sesión de Salsation impartida polo representante da marca en Galicia, Yohnny William Junque.

Inscricións
Xa podedes realizar, ata o 9 de xullo, a inscrición na web carreirasgalegas.gal, ou presencialmente no Concello da Laracha (dpto. deportes), no centro Tempo Training & Social Center, na piscina da Laracha ou no establecemento Cultiagro.
Durante a proba haberá servizos de gardaría, gardarroupa, fisioterapia, piscina de crioxénese, duchas e avituallamento con froita e bebida. Ao finalizar as probas, haberá pinchos para todos os asistentes, creando así un ambiente festivo e de convivencia.
O evento conta co patrocinio de diversas empresas e entidades como Fundación
Luis Calvo Sanz, Clínica Dental Julen & Pastoriza, Art Decor, Tempo Social &
Training Center, ClickFer, Fixagal, Cerámica Campo e Pazo De Montes Claros.