A Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Laracha difunde a figura do facilitador procesal
A Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero celebrou unha nova reunión no Edificio Administrativo da Laracha coa participación de representantes do Concello –edil de Igualdade, Rocío, López, directora do CIM, Ana Aldao, e persoal técnico de Igualdade e Servizos Sociais-, da Garda Civil -comandante do posto da Laracha-, dos centros de ensino do termo municipal -directores e orientadores educativos do IES Agra de Leborís e dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión- e do centro de saúde da Laracha -xefe de servizo, pediatra e enfermeira de pediatría-.
O encontro tivo como obxectivo continuar reforzando a coordinación entre os distintos sectores profesionais implicados na prevención, detección e atención das situacións de violencia de xénero.
O aspecto máis salientable da reunión foi a acción formativa dirixida ás persoas integrantes da mesa sobre a figura do facilitador ou facilitadora procesual, profesional que acompaña durante todo o procedemento xudicial ás persoas con discapacidade ou diversidade funcional que presentan dificultades para expresarse ou comprender o proceso. A formación foi impartida por Manuel Seoane, técnico de FADEMGA (Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento), quen explicou as funcións desta figura e o seu papel fundamental para garantir o acceso á xustiza en condicións de igualdade.
Durante a xuntanza procedeuse, tamén, á revisión dos acordos adoptados nas reunións anteriores co fin de avaliar o seu grao de cumprimento. Así mesmo, analizáronse distintos casos e situacións de especial vulnerabilidade para mellorar a coordinación das actuacións entre os diferentes ámbitos representados e avanzar cara a unha resposta máis eficaz e integral.
