Venres. 26.04.2024
El tiempo

Os nenos e nenas da Laracha teñen "ganas de ser tidos en conta"

  • “Faise preciso avanzar na seguridade viaria de forma que os nenos e as nenas poidan facer seu o espazo público, o cal entronca ademais co aumento da súa autonomía”.
Laracha-Encontros Escolares no CEIP Alfredo Brañas
Encontro Escolar no CEIP Alfredo Brañas
Os nenos e nenas da Laracha teñen "ganas de ser tidos en conta"

Esta semana o CEIP de Caión e o CEIP Alfredo Brañas acolleron os primeiros encontros participativos do alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria no marco do I Plan Local da Infancia e da Adolescencia (PLIA). Un plan que o Concello da Laracha lanzou en 2022 coa finalidade de "avanzar na consolidación dos dereitos dos nenos", creando espazos de participación para nenos, nenas e adolescentes.

O que corroboran os executores do plan é que os nenos e nenas da vila teñen ganas de ser tidos en conta, de ser escoitados como recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno. Así o comprobou tamén a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, que destacou a boa acollida da rapazada de novas canles de participación en todos os campos. 
A Concelleira avanzou que o Concello da Laracha se postula como municipio candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.

Estes encontros cos escolares son os primeiros pasos. Por unha banda, serven expoñer en que radica a participación e como se pode exercer, así como dar a coñecer en que consistirá o Espazo de Participación para Nenos, Nenas e Adolescentes e o seu procedemento para constituílo. Por outra, pretendeu favorecer o debate entre o propio alumnado ao respecto das súas necesidades, inquedanzas e preocupacións, de forma que puidese reflexionar sobre ideas e propostas para a mellora do municipio dende a súa perspectiva.

A partir das dinámicas participativas desenvolvidas nestas sesións, percibiuse un claro interese por parte de alumnado en ser partícipe deste proceso.

Mobilidade, seguridade viaria e espazo público

Ademais da participación, a mocidade reflexou a súa preocupación pola mobilidade, a seguridade viaria e os usos do espazo público. "Se algo quedou claro nestes encontros é que os nenos e as nenas queren desfrutar do espazo público, sendo a súa preferencia maioritaria pasar o seu tempo libre na rúa e ao aire libre. Pola contra, manifestan que non é frecuente que o seu tempo libre estea dedicado a xogar libremente na rúa, en certa medida porque perciben inseguridade debido ao modelo de mobilidade imperante", explicou a concelleira. “Faise preciso avanzar na seguridade viaria de forma que os nenos e as nenas poidan facer seu o espazo público, o cal entronca ademais co aumento da súa autonomía”.
Por último, tamén se detecta que entre os nenos e as nenas presentan unha visión máis comprometida co medio ambiente e polo respecto e a súa conservación.    

Máis accións

Ademais da participación directa das nenas, nenos e adolescentes, este proceso porá en marcha outras vías de participación que irán dirixidas á cidadanía en xeral e ás familias e aos axentes implicados no desenvolvemento de infancia e adolescencia en particular. Así, nos pasados días foron celebrados encontros dirixidos a diferentes colectivos, como foron: as asociacións de nais e pais dos diferentes centros educativos, ou o conxunto de entidades (tanto do tecido asociativo como empresarial) que promoven actividades dirixidas a nenos, nenas e adolescentes.
 

Comentarios