Por novembro, volve o teatro á Casa da Cultura da Laracha
O domingo haberá unha sesión de Contos no Camiño con Quico Cadaval, Xurxo Souto e Bea Campos. Pero antes volven os Venres Teatrais á Laracha, como cada novembro.
Serán cinco das mellores pezas do panorama galego as que se acheguen a unha Casa da Cultura co aforo do 50% e con todas as medidas anti-covid. O horario, algo máis cedo que os anos anteriores, ás 20:30h para chegar a tempo a casa antes do toque de queda.
A primeira cita será o venres día 6 con Vida de cans, a nova comedia paródica e metafórica da compañía ceense Talía Teatro dirixida a maiores de 13 anos de idade. Os actores Artur Trillo, Toño Casais e Dani Trillo protagonizan a obra, escrita e dirixida por Cándido Pazó.
O venres 13 será a quenda para Bernarda, da compañía Malasombra Producións. A protagonista, interpretada por Luisa Merelas (coñecida polos seus papeis en Matalobos, Fariña e Casa Manola), tras quedar viúva a mediados dos anos ‘70 pretende que todo continúe sendo igual que sempre e que as que considera malas influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen nin a ela nin ás súas fillas, ás que dan vida ás actrices Celia González e Esther Aja.
A comedia Papa ser cancelas traerá o venres 20 á Laracha a Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, tres xeniais “chefs” que preparan menús para diferentes personaxes entre o máis distinguido do panorama galego actual.
O día 27 en Chola, a IT Girl Laura Valverde porá en escena á protagonista da peza, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.
O pano dos Venres Teatrais pecharase o 4 de decembro con Soa un espectáculo protagonizado por unha muller maltratada física e psicoloxicamente á que dá vida a actriz Rogelia dos Outeiros. A peza, dirixida a maiores de 12 anos, está dirixida por Fran Rei e inspirada no monólogo de Darío Fo La donna sola.
Todas as funcións serán con entrada gratuíta por orde de chagada e ata completar o aforo máximo permitido.
Colaboran co Concello na organización dos Venres Teatrais a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do programa FalaRedes 2020 e do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.