Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Novo paso para convertir a Casa Reitoral de Montemaior en albergue xuvenil

Casa Reitoral de Montemaior
Casa Reitoral de Montemaior
Novo paso para convertir a Casa Reitoral de Montemaior en albergue xuvenil

A antiga casa reitoral da parroquia de Montemaior vai ser transformada polo Concello nunha edificación multifuncional para ofrecer á cidadanía larachesa un novo espazo multifuncional que sirva de punto de encontro para a veciñanza, centro de referencia para o sector primario e albergue xuvenil, entre outros usos.

O proxecto da reforma integral do histórico inmoble, incluído no catálogo de patrimonio e cedido polo Arcebispado ao Concello para ese fin por un período inicial de 29 anos, está actualmente en fase de licitación, sendo o 4 de abril a data límite para a presentación de ofertas. O prego que rexe o procedemento pode consultarse na Plataforma de Contratación del Sector Público.

Naos Arquitectura foi a encargada da redacción do proxecto que adecuará o conxunto arquitectónico formado pola reitoral e as edificacións anexas coa fin de consolidar a estrutura, poñer en valor o inmoble e acadar a súa adecuación aos requisitos funcionais desexados.

A casa reitoral de Montemaior, situada fronte á igrexa parroquial de Santa María Madanela, está emprazada nunha parcela que presenta unha superficie de 2.221 m2. A edificación principal conta con planta baixa (279,69 m2) e primeiro andar (239,40 m2), ademais de catro espazos anexos (189,25 m2).

A actuación deseñada respectará a estrutura actual do edificio, pero cunha nova distribución. A planta baixa quedará dividida en varias estancias mediante tabiques móbiles que permitirán flexibilizar os espazos nos que acoller reunións, eventos, cursos e actividades. Tamén será recuperada a antiga zona da lareira e creada unha habitación adaptada. No primeiro andar habilitaranse seis dormitorios, mantendo as ventás orixinais cara o exterior e creando novas cara o interior que melloren as capacidades térmicas do cerramento, a iluminación e a ventilación.

No exterior vai ser creada unha zona pública de reunión cun pavimento diferenciador aproveitando a estreita relación visual entre a reitoral e a igrexa.

O orzamento do proxecto ascende a un total de 713.000 euros, que o Concello financiará integramente co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído, consistente nun préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos.

Esta iniciativa municipal pretende o triplo obxectivo de recuperar un inmoble histórico como a reitoral de Montemaior, ofrecer novos espazos para uso e desfrute da veciñanza e dispoñer de infraestruturas públicas que permitan acoller novas iniciativas especialmente relacionadas coa posta en valor do sector primario (principalmente, da da agricultura) e o voluntariado xuvenil.

Comentarios