O programa Harmoniza do Concello da Laracha facilita a concialiación de 124 familias
O programa Harmoniza impulsado polo Concello da Laracha segue a ter moi bos resultados. Durante as vacacións de verán o servizo de conciliación presta baixo o lema "Vacacións" este servizo destinado a facilitar a vida laboral e familiar da veciñanza e no que participaron durante os meses de xullo e agosto un total de 124 nenos e nenas.
Os rapaces, de 3 a 12 anos, acudiron de luns a venres ás instalacións do CEIP Otero Pedrayo onde estiveron atendidos en todo momento por persoal docente especializado en educación infantil. En compañía de nenos da súa mesma franxa de idade realizaron diversas actividades didácticas e educativas, ademais de ter a opción de recibir un almorzo equilibrado.
E tamén hai tempo para saír do centro. Precisamente o pasado venres desfrutaron dunha excursión á área recreativa de Gabenlle. Ademais, o mércores e o xoves desta semana realizarán dous obradoiros que introducirán o concepto de igualdade de forma lúdica e participativa mediante unha charla informativa e o pintado de murais.
Programa Madruga
O Concello da Laracha continúa apostando durante todo o ano polo Programa Harmoniza para responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os horarios laborais coa atención dos seus fillos. Ademais do servizo Vacacións -que se oferta no verán, Nadal, Semana Santa e Entroido-, durante o curso escolar funciona Madruga desde as 7:00 horas nos tres centros de infantil e primaria. No momento actual xa conta con 147 inscritos para o curso escolar 2024-2025.
Tamén se ofrece o servizo Canguraxe, neste caso dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.
Calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha que desexe beneficiarse do Programa Harmoniza pode ampliar información ou solicitar a inscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha.