Propoñen en pleno que Laracha apoie as demandas da plataforma SOS Sanidade Pública

11:54 17/01/20
De cara ao vindeiro pleno deo venres 31 (ás 13:30h), o grupo municipal do BNG da Laracha levará unha iniciativa en apoio ás demandas da plataforma SOS Sanidade Pública. Unhas demandas que van enfocadas á mellora duns servizos sanitarios que, segundo o propio BNG, “se veñen deteriorando desde a chegada de Núñez Feijoo á presidencia da Xunta (especialmente nos últimos anos)”.
A iniciativa invita ao concello a apoiar as mobilizacións convocadas por esta plataforma e a manifestación que terá lugar o 9 de febreiro en Compostela, e pretende que o Concello inste á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a:
- ”O cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa área.”.
- ”Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.”
- ”Reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos. Publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación.”
- ”Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.”
- ”Rematar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes ás clínicas privadas de xeito innecesario.”
- ”Rematar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.”
- ”Implementar un Plan de Mellora da Atención Primaria, da Saúde Mental e de Atención á Saúde das Mulleres.”