Boa acollida á nova xornada práctica sobre o elipse celebrada en Caión
Segue formándose o sector turístico da Costa da Morte para o eclipse do 2 de agosto. Este martes, Caión acolleu unha nova xornada técnica e práctica organizada pola CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo, formulada para profesionais do turismo, medios de comunicación e persoal técnico arredor da observación segura, a fotografía e as oportunidades turísticas vinculadas ao fenómeno astronómico e ao destino Starlight.
Houbo unha moi boa acollida a este novo encontro de carácter técnico e práctico centrado na observación segura da eclipse, a comunicación deste tipo de fenómenos e as oportunidades que supoñen para o territorio.

Begoña Estévez e Antonio Pazos, da empresa Corvus Maris e ambos acreditados como monitores Starlight, desenvolveron unha charla-coloquio sobre astronomía básica dunha eclipse e observación segura, resolvendo dúbidas prácticas e ofrecendo recomendacións tanto para profesionais como para o público xeral.
A programación continuou coa sesión “Fotografía da Eclipse”, impartida por Fernando Rey Daluz, experto en formación audiovisual e divulgación científica certificado pola Fundación Starlight, quen ofreceu claves técnicas e recomendacións para captar este fenómeno astronómico con seguridade e calidade.
A xornada completouse cunha práctica de fotografía da eclipse e observación solar, incluíndo un simulacro do fenómeno, que permitiu ás persoas asistentes coñecer de primeira man os dispositivos e protocolos recomendados para unha observación segura.

Vindeira cita, en Fisterra
A Asociación de Astroturismo da Costa da Morte e o Concello de Fisterra, organizador da xornada, convídanlle a asistir á Xornada "Eclipse na fin do mundo", que se celebrará o xoves 28 de maio no Concello de Fisterra.
Unha xornada sobre a ECLIPSE impartida por Óscar Blanco. Gran coñecido no mundo da astronomía, pois é o Director do Centro Astronómico de Trevinca, Presidente da Agrupación Astronómica Coruñesa IO, Astrofotógrafo, Monitor Starlight, Divulgador Astronómico, Cazador de Eclipses,...

Máis novas



