Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O Voluntariado prepara o Castro de Montes Claros para unha nova escavación

O Voluntariado prepara o Castro de Montes Claros para unha nova escavación

Arrincou a semana pasada un campo de voluntariado de temática arqueolóxica no Concello da Laracha. Este ano está centrado, por cuarta vez, na posta en valor do castro de Montes Claros. Aínda que se trata dun programa internacional aberto a mozos de entre 18 e 30 anos, os nove voluntarios que están a participar son todos españois procedentes de Zaragoza, Bilbao, Huelva e localidades galegas como Vigo e Carballo.

Ata a propia croa do castro, na pedra “A pegada do xentil”, desprazáronse para facer a benvida e comezar os traballos, nesta acción previa á segunda escavación por parte de arqueólogos especializados, que terá lugar a finais de verán.

Mentres, o voluntario centra o seu traballo específico na realización de tarefas auxiliares de colaboración no período previo a esa segunda escavación. Tras recibir a oportuna formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas, os voluntarios, sempre co control do equipo directivo do proxecto e baixo supervisión arqueolóxica, levan a cabo tarefas como a limpeza con medios manuais dos afloramentos rochosos e a eliminación de rebrotes de eucalipto en todo o ámbito. Tamén actuarán para eliminar a vexetación crecida nas sondaxes realizadas o ano pasado.

Polas tardes ademais farán saídas a Malpica para visitar os petroglifos de Punta Nariga, ao castro de Baroña de Porto do Son e lugares da Costa da Morte como o Ézaro e Fisterra. Ademais, o programa de actividades inclúe a práctica de barranquismo e de surf.

Durante a súa estancia alóxanse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior).

A iniciativa, que finalizará o 6 de agosto, organízase co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Comentarios