Venres. 26.04.2024
El tiempo

1,3 millón de euros para rematar as obras de abastecemento a zona de Nantón e Anos

Senda Nanton obras
Zona de Nantón
1,3 millón de euros para rematar as obras de abastecemento a zona de Nantón e Anos

A día de hoxe aínda hai moitas zonas con problemas de saneamento e abastecemento de auga. Unha delas é a zona de Anos e Nantón, en Cabana, que carece dunha rede municipal de abastecemento de auga potable que garanta a subministración. Para solventalo, o Consello da Xunta autorizou onte a dotación dun un investimento de preto de 1,36 M€ para resolver os problemas de abastecemento.

Se ben xa se realizaron varias obras, este orzamento permitirá remate das obras parcialmente executadas neste municipio coruñés, nas que se inclúe o deseño dunha nova captación de auga no río Anllóns, unha estación de tratamento de auga potable e demais intervencións necesarias para completar as obras que garantan a subministración de auga a estes núcleos e á zona de implantación do futuro parque industrial cabanés, esa promesa que non se dá feito realidade.

Unhas obras que beneficiarán a unha poboación equivalente de 1.871 habitantes.

Actuacións que se executarán

Augas comezará pola limpeza e comprobación das tubaxes de impulsión e distribución existentes, á reparación daqueles elementos que teñan danos. No depósito existente prevese, ademais, a limpeza e impermeabilización dos muros e a execución da cuberta.
A captación da auga no río Anllóns farase mediante toma directa a un pozo de bombeo. O pozo estará situado a unha distancia dun 10 metros da canle do río. Na canle instalarase un filtro estático mergullado, conectado ao pozo de bombeo mediante unha tubaxe de fundición de 200 mm de diámetro. O pozo de bombeo estará formado por 8 aneis prefabricados, cunha profundidade de 8 metros sobre unha base de formigón.

O edificio da estación de tratamento de auga potable (ETAP), duns 586 m 2 en planta baixa, situarase anexo ao depósito existente. Para instalar o decantador realizarase un muro no que quedarán embebidos tres pilares e que servirá como soporte ás vigas de cuberta.
O proceso de tratamento da auga na estación potabilizadora incluirá o pretratamento de auga bruta e mezcla de reactivos, a floculación, decantación e filtración e o tratamento de desinfección ultravioleta.

Comentarios