5 concellos e unha entidade reciben 183.000 para a mellora da sinalización e accesibilidade de puntos turísticos
07:49 16/10/17
As axudas servirán para levar a cabo o Acondicionamento e mellora do miradoiro de Louredo, en Carnota
En concreto, as axudas para accesibilidade contemplan a construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos; a creación das infraestruturas necesarias para o acceso; a construción de pasarelas, ramplas, aparellos elevadores e eliminación de barreiras arquitectónicas, e a construción ou adecuación de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional.
Respecto á sinalización, as achegas inclúen nova sinalización en estradas; paneis interpretativos, tanto tradicionais, como aqueles que incorporen novas tecnoloxías; ferramentas tecnolóxicas, como aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC e audioguías; colocación de postes e outros elementos consonte os criterios de homologación de sendeiros e os específicos dos centros BTT; e retirada de sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada.
A semana pasada era a Deputación a que anunciaba a nova sinalización de 5 tesouros patrimoniais da bisbarra. Esta semana, a Xunta, que proometera en verán nova sinalización para o Camiño Fisterra-Muxía, dá conta das novas axudas a Concellos e entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.
Concretamente na Costa da Morte son 5 os concellos e unha entidade as que se repartirán máis de 183.000€:
Concello beneficiario | Descrición da actuación | Achega |
Concello de Cabana | Mellora da accesibilidade ao Castro de Borneiro‐fase II | 37.500,00 € |
Concello de Camariñas | Accesibilidade e sinalización de recursos turísticos do concello de Camariñas | 11.838,73 |
Concello de Carnota | Acondicionamento e mellora do miradoiro de Louredo | 44.864,89 |
Concello de Dumbría | Adecuación de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional | 39.153,31 € |
Concello de Ponteceso | Mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do concello | 50.000,00 € |
Agrupación de concellos de Lousame‐Muros‐Noia‐Outes‐Porto do Son | Plan de sinalización de recursos turísticos comúns do xeodestino Ría de Muros‐Noia: ruta de sendeirismo da Ría de Muros‐Noia | 40.080,00 |