A CMAT convoca as novas mesas de traballo público-privadas para avanzar no Plan de Acción Turístico


Queda menos para que a Costa da Morte conte cun “Plan de Acción para o Turismo”. Un documento necesario, unha guía, un mapa que nos sirva para seguir un rumbo común.
Despois da serie de mesas de traballo da pasada primavera, a CMAT convoca novas xornadas de traballo con concellos e empresas turísticas para o co-deseño de experiencias turísticas que dean a coñecer o rico patrimonio inmaterial de Costa da Morte.
As citas serán os días luns 17 e martes 18 de setembro, en horario de 11:00 a 13:00h, e servirán presentar os avances dos traballos realizados no marco do proxecto de “Actualización e Mellora das experiencias de turismo activo e turismo cultural de Costa da Morte”, cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia.
O luns, a mesa celebrarase no Salón de Plenos do concello de Cabana de Bergantiños, xusto despois da presentación do Programa de Mellora da Competitividade do sector turístico da Costa da Morte.
O martes, a mesa celebrarase na Casa da Cultura do concello de Corcubión, con idénticos contidos e co obxecto de facilitar a máxima asistencia de participantes, e que a distancia non supoña un obstáculo para a participación.