Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A educación para cambiar a mentalidade e avanzar cara a inclusión

A educación para cambiar a mentalidade e avanzar cara a inclusión
Xornada Capacitate de Integro Un éxito a Xornada Capacita-T de Íntegro

Celebrou a familia da Asociación Íntegro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, a I Xornada Diversidade e Familia - Capacíta-T. Facía cando se cumpriron 24 anos daquelas outras xornadas celebradas no Couto e que foron o xermolo da asociación. “A historia repítese 24 anos despois”, sinalou o presidente, Adolfo López Baña. Porque moitas cousas teñen mudado, pero a o obxectivo e a ilusión desta entidade costeira, seguen intactas.

Unha actividades de sensibilización, centrada na mocidade, xa que precisamente unha das grandes ideas é que "avanzar cara a inclusión implica un cambio de mentalidade que debe comezar na escola" e ter como apoio un maior activismo social.

Na I Xornada Diversidade e Familia xa se deron pasos, algún tan decisivo como o compromiso explícito do alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, de incrementar cada ano a colaboración do Concello para levar a educación en diversidade ás aulas. “É unha honra que Íntegro estea nesta comarca e estea colaborando con este Concello, porque Íntegro é coma unha fábrica, unha fábrica de integración, que é o mellor produto para que a nosa sociedade mellore cada día”, manifestou no seu discurso inaugural.

Completas xornadas cheas de participación

Xornada Capacitate de Integro Boa acollida na escola da Trabe

Un cento de persoas reuníronse nas Escolas da Trabe, nunha tarde de choiva intensa, para conmemorar con Íntegro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Os usuarios e usuarias foron os encargados de facer de fío condutor e introducir as distintas intervencións.

Comezou Noelia Barreira, directora do Centro de Recursos, explicando o labor que se desenvolve nos centros ocupacional e de día, o seu funcionamento, as condicións de acceso e os programas educativos e ocupacionais que se desenvolven. Pero non se trata só, dixo, de “capacitalos só a eles, senón que necesitamos capacitar á sociedade en xeral”.

A psicóloga da asociación, Begoña Rial, acompañou con vídeos moi ilustrativos a súa intervención, centrada nos obxectivos do programa Capacíta-t. “Debemos mirarnos a nós mesmos e ver cales son as barreiras que podemos romper cada un de nós. Se esas barreiras se destrúen non serían necesarias xornadas coma esta”, declarou. Begoña Rial destacou a importancia de traballar pola inclusión dende a infancia. E, de feito, na xornada do venres xa se fixo. Íntegro organizou unha actividade paralela na que participaron 25 nenos e nenas de diferentes idades, que abordaron o tema dende unha perspectiva lúdica. María Luisa Fernández, autora do libro “La mirada de Ángel”, e coñecida xa polos usuarios e usuarias de Íntegro, foi outra das convidadas da tarde cunha intervención cargada de emoción e de esperanza para as familias. Houbo momentos para a lembranza a través da proxección fotográfica da actividade cotiá de Íntegro, e tamén para a aprendizaxe. A charla de Martina González, psicóloga sanitaria e sexóloga, resultou especialmente interesante.

Martina González destacou a importancia da celebración deste tipo de xornadas para romper cos tabús e os prexuízos existentes. "Esta é a mellor maneira de adquirir normalidade e relativizar as cousas". Dende o seu punto de vista, precisamos dedicarlle máis tempo ás relacións afectivas, tratalas con máis respecto e tendo en conta os sentimentos dos demais, porque ademais, dixo, son importantes para a autoestima. Pero é preciso, engadiu, dotar de recursos ás persoas con diversidade, e nese sentido reivindicou máis intimidade e máis espazos que a propicien.

A xornada continuou coa entrega de premios aos gañadores do concurso O noso mundo, no que participaron os alumnos de infantil e primaria dos coles de Ponteceso e Corme. Os seus traballos, expostos na entrada das Escolas da Trabe, serviron coma un enorme photocall polo que pasaron decenas de persoas durante toda a tarde. O Concello de P,onteceso entregou o premio na categoría individual, que correspondeu a Uxía Villar, de 5º B do CEIP Eduardo Pondal. Na categoría de grupos fixo a entrega a Asociación de Empresarios aos grupos de 3º e 4º do CEIP As Forcadas, gañadores do certame.

Os emotivos testemuños de Ramón Pombo Castro e David Pombo, que narraron en primeira persoa a súa vida nunha cadeira de rodas e a importancia de contar cos apoios necesarios para saír adiante, centraron a parte final da tarde. Ambos destacaron o importante papel que desempeña a familia neses duros momentos, no caso de Ramón hai xa 18 anos por mor dun accidente de tráfico, e no de David hai apenas dous por un accidente laboral en Malpica.

Coa entrega de agasallos aos conferenciantes, o agradecemento ás persoas asistentes e o desexo de que o 3 de decembro do 2015 se dese un paso máis cara a inclusión, a Asociación Íntegro pechou a I Xornada Diversidade e Familia.

Novas relacionadas Fonte

Comentarios