A Ledicia entroideira invade Cabana

Para o martes de entroido, 8 de marzo, é cando o Concello de Cabana de Bergantiños ten programada a súa gran cita de carnaval que se artella arredor de catro bloques de actividades: a diversión para os cativos e mozos, a gastronomía típica de entroido para todos os públicos, o concorrido concurso de disfraces e un fin de festa divertido e musical.
Xa o ano pasado o multitudinario martes de entroido fora toda unha festa, con participación de máis de 2.000 persoas que ateigaron o pavillón cabanés.
Programa

Será de novo o Pavillón Polideportivo Municipal o que abra as súas portas ó público ás 5 da tarde. Nesa hora, os máis cativos xa se poderán subir gratuitamente ós inchables e participar nos obradoiros de maquillaxe e globoflexia.
Tamén desde as 5 da tarde máis dunha ducia de filloeiras, mulleres de distintas parroquias de Cabana de Bergantiños, comezarán a elaborar varios miles de filloas que poderán desgustar no final da tarde os asistentes á festa.
O concurso de disfraces comezará ás 6 e media e terá dúas modalidades: Pasarela Infantil e Concurso de Comparsas. Previamente, deberán anotarse na mesa de inscrición de 5 a 6 e cuarto da tarde. Na Pasarela Infantil o premio será unha merenda para todos os participantes. No Concurso de Comparsas establécense 10 premios, desde os 200,00 euros do primeiro ata os 40,00 euros do décimo.
Destacar que as comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 5 participantes. Ademais, por motivos de organización, aquelas que necesiten música terana que traer en formato CD ou MP3. O seu pase non poderá superar cinco minutos de duración.
O fin de festa virá da man de Pedro Brandariz coñecido humorista da Televisión de Galicia e como o Ricardito da serie Para mariñeiros nós. O baile de disfraces será animado polo Dúo Principal.
Novas relacionadas
- Entroido 2010: Multitudinario Martes de Entroido en Cabana de Bergantiños .
- Impresionante entroido en Malpica da man das asociacións.
- Os disfraces tomarán un entroido camariñán por parroquias.
- Don Caietano vivirá en Laxe un Entroido espectacular.
- Un gran Desfile recuperará o Antroido de Ponteceso.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Cabana.