Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A oposición critica o eterno esquecemento da Costa da Morte nos Orzamentos da Xunta para 2019

A oposición critica o eterno esquecemento da Costa da Morte nos Orzamentos da Xunta para 2019
Aurelio Nunez Loli Toja e Serxio Dominguez Aurelio Núñez (PP), Loli Toja (PSdG) e Serxio Domínguez (BNG) analizan os orzamentos da Xunta 2019 para a Costa da Morte

A semana pasada a Xunta aprobaba cos votos do PP os Orzamentos para o ano 2019. Tiveron uns días os partidos políticos para analizalos pormenorizadamente e facer a súa valoración a nivel comarcal. Como era previsible ante a defensa acérrima do deputado carballés Aurelio Núñez, enfróntase a radical oposición de BNG e PSdG que consideran que os orzamentos castigan a nosa bisbarra… un ano máis.

A realidade é que ollando ás partidas orzamentarias deste 2019, son case un calco dos anos anteriores, tendo partidas repetidas como o millón de euros que volve indicar a Xunta que empregará no remate da Autovía (ou mellor dito, Corredor da Costa da Morte), despois de que ao longo de 2018 non se empregara nin un só euro dos 9000.000€ propostos nos orzamentos do ano pasado. Ademais a situación é moi pouco clara e non hai partidas concretas, ben detalladas, e que veñan a reparar a débeda histórica de carencia de investimentos das administracións para esta comarca.

E esta previsión de orzamentos serve de paso para analizar o executado o ano pasado, e a realidade é que en materia de infraestruturas a Xunta apenas se ten esforzado nas sendas peonís, pero non ten realizado absolutamente nada arredor de temas cruciais para o noso desenvolvemento como a Autovía, o dragado de Laxe, o saneamento, ou a mellora da sanidade pública na bisbarra.

O PP salienta o “firme compromiso” da Xunta

Ten, o deputado carballés, Aurelio Núñez que soster a súa argumentación na mellora de Sogama (que permitirá reducir a factura de recollida do lixo nun 10% a todos os concellos da provincia) ou as rebaixas fiscais no Imposto ás Transmisións Patrimoniais para defender os Orzamentos da Xunta relativos á Costa da Morte.

Núñez asegura que este ano si que a Xunta vai levar a cabo a ampliación da autovía da Costa da Morte, pois nos orzamentos hai 1 millón de euros para este 2019, 2 máis para o 2020, 4 para o 2021, e para o 2022 e seguintes, 7,5 millóns. Veremos se dan executado, pero o caso é que os míseros 5,5km de ampliación do Corredor ata Vimianzo non estarán listos nin antes de que remate a lexislatura, nin antes do 2020, como prometeron e prometeron os nosos políticos.

Vaise ata Cerceda Núñez para destacar investimentos en materia de transporte metropolitano, se ben Carballo e A Laracha tamén recibirán algunha desas partidas. Algunhas partidas de sendas peonís si que se están desenvolvendo nestes anos.

En materia de saneamento de augas, destacan os 538.000 euros que recibirá Camariñas, aos que hai que sumar os 400.000 euros destinados á mellora do seu porto, os 95.000 de Laxe, os 73.000 de Carballo, os 69.152 de Cee e Corcubión. Veremos se hai accións reais para solventar un dos problemas máis graves da comarca.

 

PSdG: “A Costa da Morte desaparece”

Sen entrar no detalle, a deputada socialista Loli Toja denunciou hoxe a “virtual desaparición” da Costa da Morte dos orzamento. Toja denuncia discriminación dos concellos da comarca e a “falla de ambición e proxecto” con carencias en servizos sociais, saneamento e infraestruturas.

En materia de servizos sociais lembrou a falla de orzamentos para a Variante de Carballo, a pesares de estar incluída no Plan Move da Xunta, así como do enlace da VAC Costa da Morte co parque industrial de Vimianzo.

En materia social, reivindicou a urxente dotación de “recursos para a atención ás persoas maiores dependentes”, con listas de espera de máis dun ano para a súa resolución e falla de recursos para prestar os servizos unha vez concedidos. Esqueceron tamén as obras de mantemento e melloras no patio do recreo do Colexio Público Eugenio López e a xestión do Centro de Saúde.

Ademais, lembrou proxectos “esquecidos” como o Parque do Megalitismo, os penedos de Pasarela e Traba ou o Plan Especial do Casco Histórico de Corcubión. Explicou ademais a falla de recursos para as infraestruturas educativas de Cee, onde “son precisas obras de mantemento e melloras no patio do recreo do Colexio Público Eugenio López” ou a xestión do Centro de Saúde.

Máis concremente, no caso de Camariñas, lamentou a falla de investimentos para a terceira fase da fachada marítima ou o saneamento de Xaviña, así como a ausencia un ano máis do abrigo da cara norte do Porto de Fisterra. Ademais, Muxía segue carecendo de partidas para saneameo ou beirarrúas da estrada de acceso á localidade.

Toja sinala que “en Laxe, a dragaxe volve aparecer, un ano máis, cunha partida diferente, pero sen executar, mentres as persoas que viven do mar teñen que ir refuxiarse a Camariñas cada vez que hai temporal porque o Porto é inseguro”. Tanto nesta localidade como en Ponteceso, dixo, “hai cero euros en saneamento, cero euros en investimentos para evitar inundacións e cero euros en sendas peonís”.

 

BNG: “Xogo sucio”

Para o BNG hai unha clara intención no esquecemento da Xunta para coa Costa da Morte, ao comprobar que o PP non goberna en ningún case ningún concello da comarca. “O PP, por medio da Xunta, abusa da discrecionalidade e agocha as partidas a pouco do ano electoral, e iso só pode ter un propósito, asfixiar aos gobernos locais da Costa da Morte, para poder así construír un discurso político ao redor de supostas malas xestións e falta de capacidade, e redirixir os investimentos en función dos intereses tácticos electorais do PP”, denuncia o voceiro comarcal Serxio Domínguez.

O BNG denuncias as “pingas” que supoñen os reiterados e incumpridos presupostos para a Autovía. Ademais, lamentan que non hai concrecións en temas tan fundamentais como parque do megalitismo, a variante ao porto de Brens, o heliporto de Ruibo, unha base de loita contra a contaminación mariña en Brens, o saneamento integral da ría de Corcubión e Cee, o remate da rede de saneamento de Camariñas, o centro de saúde de Fisterra, a cons- trucción dun novo centro de saúde e centro de día en Cee, os plans do cabo Fisterra e Touriñán, a mellora dotacional e de persoal do Hospital da Costa da Morte, a apertura do centro de día de Corcubión, un plan de reactivación económica das PYMES da zona, ou presuposto para poñer en marcha o Parque Natural do Monte do Pindo.

Piden ademais que a Xunta inclúa partidas nominativas para os centros de ensino, saúde, infraestruturas e mantemento de vías, programas de emprego, de cultura, conservación patrimonio ou dinamización turística.

 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/orzamentos-da-xunta-2018-o-pp-comarcal-agrace-o-compromiso-e-o-psdg-lamenta-o-esquecemento/ https://quepasanacosta.gal/o-bng-comarcal-denuncia-que-os-orzamentos-da-xunta-discriminan-aos-concellos-doutra-cor/ https://quepasanacosta.gal/as-agrupacions-comarcais-do-psdg-critican-os-orzamentos-da-xunta-2018-e-a-nova-lei-de-portos/

Comentarios