Borneiro regresará á idade castrexa na nova edición do ‘Castro Animado’

As dúas festas históricas máis fermosas de Cabana teñen lugar en Rioboo e en Borneiro. Por Rioboo andan colleitando casamenteiros para a festa medieval, mentres que por Borneiro xa preparan a festas dos castrexos. O vindeiro 13 de xullo terá lugar unha nova edición do "Castro Animado", onde as recreacións castrexas serán o principal atractivo dunha festa na que as persoas visitantes tamén poderán gozar de música, gastronomía ou artesanía entre outras propostas.
A xornada, programada para dar comezo ás 17:00 horas, incluirá unha ampla variedade de actividades dirixidas a todo tipo de públicos entre as que se inclúen unha xuntanza entre habitantes doutros castros, animación musical da man de Egueire e a banda de gaitas O Son do Castro, o espectáculo teatral ‘Moby Dick’ e visitas animadas co castrexo Borneiro, Iago Espasandín.
Non faltarán tampouco as degustacións dalgunhas das receitas máis sobranceiras da gastronomía local, mostras de artesanía, cerámica e outras moitas propostas.