venres. 02.05.2025
El tiempo

Cabana despediu o seu ano teatral cun cheo no Auditorio Municipal

Cabana despediu o seu ano teatral cun cheo no Auditorio Municipal

Durante a tarde do sábado, non cabía unha agulla no Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños debido á gran cantidade de público que acudiu á convivencia teatral que realizaron os distintos grupos da Escola Municipal de Teatro que comanda a carballesa Silvia Losada Crende.

Desde as 17:00h ata as 19.30h da tarde, foron subindo ó escenario do auditorio once representacións dramáticas que correron a cargo dos actores e actrices que acoden ás aulas de teatro da Casa da Cultura e ás dos distintos locais sociais espallados polas parroquias de Borneiro, A Mata, Corcoesto, Anos ou Cundíns. Un total de 110 artistas soubo o que era pasar nervios fronte a un auditorio que estaba conformado tanto polos seus compañeiros de escola como por distintas liñas familiares desde irmáns, pais, tíos ou avós.

Bastantes grupos amosaron xa o seu bo facer no eido teatral. Algúns estrearon obra nova e outros levaron a un escenario máis amplo a listaxe de representacións que foron escenificando ó longo das fins de semana do mes de maio, dentro do programa das Letras Galegas, polas distintas parroquias.

Tanto esforzo tivo o seu premio: non foi só o bocata e zume para a merenda, senón o cariñoso aplauso do todo o público asistente. Ademais, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, non quixo perder esta magnífica oportunidade para agasallar cunha fotografía do seu grupo a cada actor e actriz cunha fotografía en tamaño grande.

Castro Animado

Non obstante, a formación teatral non rematou nesta xornada de convivencia, xa que durante o verán todo o alumnado e mesmo pais interesados traballarán na Casa da Cultura para crear as animacións históricas que se desenvolverán no mes de xullo na actividade Castro Animado.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Departamento de Cultura, Educación e Normalización Lingüística de Cabana.

Comentarios