Cabana estreou a Casa Museo na honra de Saturnino Cuíñas Lois
Cabana estreou este pasado venres a Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois, un novo espazo recuperado para uso público na parroquia de Cesullas, creado para homenaxear figura de quen fora crego de Cesullas, fillo adoptivo do municipio.
O acto contou cunha ampla asistencia de veciñas e veciños, así como con representantes do tecido cultural e social do municipio. A xornada estivo amenizada polas actuacións do grupo de gaitas Os Farrapos e da Coral de Cesullas, que puxeron o acento emotivo e festivo a unha cita memorable.

O inmoble atópase na antiga casa reitoral de Cesullas, rehabilitada trala súa cesión ao Concello por parte da Igrexa. As obras executadas nos últimos anos permitiron poñer en valor un edificio de interese patrimonial que se atopaba ao bordo da ruína.
O edificio dispón de capacidade para acoller actividades culturais, sociais e veciñais.
Saturnino Cuíñas Lois
Saturnino Cuíñas chegou a Cesullas o 10 de abril de 1931 e, dende aquel momento, entregouse a dinamizar a vida de Cabana. Cuíñas creou coros parroquiais, achegouse á mocidade e implicouse na atención aos necesitados. Destacou tamén polo seu interese no folclore, impulsou a romaría de San Fins do Castro e incluso interviu para mellorar as infraestruturas da zona.
O 17 de marzo de 1956 foi nomeado fillo adoptivo pola corporación municipal. Saturnino Cuíñas faleceu o 7 de abril de 1978 tras case medio século de dedicación a Cabana, e cinco anos despois, o 21 de agosto de 1983, foi recoñecido como fillo predilecto do concello.
