Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Un certame e un campamento musical e varias actividades polo mes das Letras de Cabana

Mes das Letras Cabana 2021 1
Un certame e un campamento musical e varias actividades polo mes das Letras de Cabana

Comezan a agromar as actividades municipais arredor do Día das Letras Galegas. Por Cabana propoñen un singular campamento sobre cultura urbana e un concurso de cancións inéditas en galego con case 2.000 euros en premios.

Certame

En canto ó concurso ‘Canta&Arte’, trátase dun certame dirixido a todas as persoas residentes en Galicia, sen límite de idade, que deberán facer unha proposta dunha canción inédita en lingua galega. Será de temática libre e cunha duración máxima de 4 minutos.
Haberá unha categoría individual e outra grupal con tres premios en metálico en cada unha. No caso da individual, irán desde os 300 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 para o terceiro. Na grupal serán 600 euros para o primeiro clasificado, 350 para o segundo e 150 para o terceiro.
O prazo para participar abrirase o vindeiro 3 de maio e finalizará o 31 de maio. Poderanse enviar as cancións en formato de audio ou de vídeo a [email protected] xunto ó anexo correspondente, dispoñible proximamente na páxina web municipal, www.cabana.gal.

Campamento

No caso do campamento ‘Urban&Arte’, este celebrarase os días 15, 16, 17 e 18 de maio e estará destinado á rapazada de entre 12 e 16 anos. De man da Vella Escola Cultura Urbana, poderán coñecer a práctica de diferentes disciplinas deportivas, artísticas e musicais como o ‘parkour’, o ‘beatbox’, o ‘breakdance’ ou o ‘slackline’, entre outras.

O campamento realizarase en horario de 17:00 a 20:00 horas na Praza do Pendón. Participarán grupos reducidos e o prazo para inscribirse estará aberto do 3 ao 13 de maio. Habilítase o teléfono do departamento de Cultura de Cabana, 981 754 020, para atender as solicitudes.

Outras actividades

Mes das Letras Cabana 2021 2

O lema do programa destas Letra Galegas adicadas a Xela Arias en Cabana é ‘O que se canta, o que se fala, o que se sinte no mes das Letras’, e trae estas actividades para as que será necesario inscribirse previamente chamando ao departamento do Cultura de Cabana no 981 754 020..

O centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá o primeiro evento dentro da programación. A partir do 3 de maio, o museo contará cunha exposición fotográfica da man de Santiago Garrido titulada ‘Cores da Terra’ que se poderá visitar durante todo maio e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O sábado 8 de maio ás 17:00 horas, Silvia Losada impartirá un obradoiro de teatro poético-xuvenil sobre a obra de Xela Arias na Casa do Pendón. A través deste taller, destinado a mozas e mozos de entre 10 e 16 anos, a rapazada adentrarase no mundo da poesía da autora a través do xogo, a improvisación e a preparación corporal e vogal.

O día seguinte, o 9 de maio, ás 12:00 horas, de novo en Dombate, celebrarase a presentación musical do libro ‘Xeometrías máxicas de Galicia’, coa participación de Bieito Romero e Irma Macías. A Deputación tamén coopera na organización desta cita, que se realizará ó aire libre.

A Casa do Pendón acollerá o vindeiro 22 de maio unha sesión de contacontos de Pedro Brandariz con ‘As mulleres das Letras’ como tema central. A actividade comezará ás 18:00 horas e percorrerá a literatura galega mediante as figuras de cinco mulleres ‘senlleiras’: Rosalía de Castro, Francisco Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno e, por suposto, Xela Arias.

Novas relacionadas

Comentarios