A Plataforma en Defensa de Corcoesto revive tralo intento da Xunta de reiniciar a mina de ouro
- "Non permitiremos unha megamina ao carón das nosas casas", lanzan nun comunicado
Anunciaba esta semana a Xunta a reapertura das concesións mineiras de Corcoesto, Varilongo e San Finx. E non tarda en responder a veciñanza.
A Plataforma en Defensa de Corcoesto, esa que liderou o movemento veciñal que conseguiu anular o proxecto da mina de ouro en 2013, vén de reagruparse e lanzar un comunicado no que deixan claro que volverán loitar contra a megaminería a ceo aberto no seu fermoso val:
A veciñanza das parroquias de Corcoesto, Valenza e Cereo, as tres parroquias directamente afectadas pola proxecto mineiro de Corcoesto, reciben con moita preocupación as novas noticias sobre o anuncio da Xunta de Galicia a través da Conselleria de Industria de sacar a concurso público novas concesións mineiras que afectarían de novo ao polémico proxecto mineiro de extracción de ouro de Corcoesto.
A extracción de ouro e unha das actividades mineiras máis prexudiciais co medio ambiente, lembremos que no proxecto de Corcoesto tiñan previsto o uso diario de 1,5Tm de cianuro no proceso de lixiviación, a liberación ao medio de grandes cantidades de arsénico provocado polo movemento de terras, así como un descomunal consumo de auga.
Lamentamos profundamente que a Xunta siga apostando por un proxecto tan prexudicial para a poboación da Comarca de Bergantiños, non só en termos ambientais, senón tamén con consecuencias devastadoras para a economía local, por ser un proxecto insostible e incompatible coas actividades económicas locais como a agricultura, gandería, marisqueo, turismo rural etc.
Sacar máis de 100 concursos de licitación de concesións mineiras é unha autentica temeridade e irresponsabilidade pola Xunta de Galicia, lembrar que só o proxecto de Corcoesto engloba unha superficie de 800 ha, deixando centos de toneladas de residuos tóxicos mineiros concentrados en balsas mineiras. Non se pode permitir que lle abran a porta a estas multinacionais que só veñen a especular e que a súa actividade deixaría efectos devastadores para o medio.
Estes recursos que cita a Consellería de Industria non están o suficientemente probados coma para que estes proxectos sexan realmente viables, lembremos que en Corcoesto só podían demostrar tras as investigacións o 20% dos recursos que certificaban que existían, sendo o 80% restantes inferidos.
Non se pode sacrificar a nosa terra en nome duns recursos declarados pola Comunidade Europea como estratéxicos, cando a extracción destes recursos sexan incompatibles con outras actividades prioritarias como a produción de alimentos ou a conservación dun medio ambiente que mitigue as consecuencias do quentamento climático.
Dende a Plataforma lembramos á Xunta que o proxecto mineiro de Corcoesto tivo unha grande contestación social, así como informes técnicos onde se poñía de manifesto a gran contaminación que afectaría ao medio. Calquera proxecto que se presentase volvería a ter a mesma contestación social, xa que sabemos que as técnicas de extracción non variaron nada dende entón, por moito que o queiran vender dende a Xunta con eslogans como minaría “responsable” ou “minaría do século XXI”.
Non permitiremos unha megamina ao carón das nosas casas.
Máis novas







