Mércores. 16.10.2019
El tiempo

Comeza o control das pinturas do dolmen de Dombate

Comeza o control das pinturas do dolmen de Dombate
O deputado Xesús Soto visitou onte as instalacións de Dombate O deputado Xesús Soto visitou onte as instalacións de Dombate Típico dun periodo de campaña electoral e sen dar cifras sobre o investimento o  deputado da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xesús Soto, visitou na mañá de onte o dolmen de Dombato onde anunciou diversas liñas de actuación para a protección e mellora das instalacións do monumento. Entre outras accións, tres técnicas de restauración, co asesoramento do especialista en bens arqueolóxicos, Fernando Carrera, comezarán a controlar o estado das pinturas do dolmen, en especial, a través do seguimento da estación meteorolóxica que rexistra os datos de temperatura e humidade do monumento. As tres especialistas, unha en pintura, outra en escultura e outra en arqueoloxía, proceden da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e inician agora un período de contratación de un ano, prorrogábel a dous, en calidade de bolseiras. “A iniciativa insírese na vontade da Deputación de controlar e protexer o patrimonio histórico e artístico, en especial, monumentos do valor do dolmen de Dombate do que se fará un rigoroso seguimento, o necesario para garantir a conservación das súas pinturas”, explicou Xesús Soto no marco da visita na que se anunciou a posta en marcha do laboratorio de restauración no edificio da Milagrosa desde o que se fará seguimento da estación climatolóxica do dolmen. O deputado aludiu á conservación do patrimonio como unha das preocupacións do goberno da Deputación que, con este fin, botará a andar un plan destinado aos concellos destinado á xestión da protección dos seus elementos patrimoniais. O especialista en patrimonio arqueolóxico e profesor da Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra valorou que a Deputación se marque o que definiu como “obxectivos adecuados” e parabenizou a integración de profesionais da conservación e restauración no coidado e vixianza do patrimonio. De cara á próxima actuación en Dombate, Carrera dirixirá o curso de formación específico para as técnicas que actuarán sobre o patrimonio da Deputación coa idea non só de analizar a situación dos monumentos senón tamén “deixar feitos manuais con protocolos de mantemento e monitorización”. De todas maneiras, Fernando Carrera referiuse a Dombate destacando que, dadas as condicións de protección existentes “nunca se vai producir un deterioro precipitado xa que as accións que se desenvolveron son adecuadas, non hai un carácter de urxencia nas medidas a tomar”. Segundo destacou, o reto continúa a ser, como o foi desde que o monumento foi escavado, a preservación das súas singulares pinturas, un dos tesouros que fan de Dombate unha xoia do megalitismo. Ademais do control das condicións de conservación do monumento, a Deputación inicia outras actuacións no entorno de Dombate como son a restauración da réplica do dolmen, o adecentamento da entrada das instalacións e o tratamento específico para a conservación dos elementos de madeira que terán unha inmediata execución. “O obxectivo é ademais poñer en valor con programas de divulgación este ben patrimonial no que se fixo un importante investimento”, apuntou o deputado. As tres profesionais que comezan agora a traballar en Dombate encargaranse tamén de levar a cabo unha importante labor de asesoramento naqueles concellos que así o requiran para o seu patrimonio municipal; estudar a documentación e/ou memorias a remitir á Xunta para a obtención das correspondentes autorizacións e permisos relativos a actuacións sobre o Patrimonio provincial; e levar a cabo prácticas de restauración de pinturas, esculturas, artesanías e outros bens culturais e etnográficos. Fonte

Comentarios