Martes. 16.04.2024
El tiempo

Critican que Gas Natural non contemple dispositivos de protección de aves nos novos proxectos eólicos

Critican que Gas Natural non contemple dispositivos de protección de aves nos novos proxectos eólicos
Cada ano morren entre 500.000 e 2 millóns de aves e morcegos nos parques eólicos galegos, segundo asegura a Sociedade Galega de Historia Natural. Unha cifra que se podería paliar coa instalación de dispositivos automáticos que posibiliten o paro de emerxencia por colisión como radares ou sistemas tipo DTBird. En todo caso, Gas Natural non vai incluír estes dispostivos novo proxecto eólico Mouriños a pesar de que a zona cabanesa afectada polo mesmo está pegada a unha Important Bird Area (IBA) e nas inmediacións da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte (ES0000176) e a ZEPA correspondente ao espazo mariño Costa da Morte (ES0000497). A empresa xustifica a omisión “polo elevado investimento que requirirían", considerando que "as comunidades de aves esperables na comarca de instalación do parque eólico non fan previsible a presenza de bandadas ou especies vulnerables á instalación, senón que esta limitaríase a aproximacións ocasionais de exemplares illados ou en parella”. As cifras que manexa o colectivo Salvemos Cabana son radicamente opostas e valoran que a zona do Esteiro do Anllóns, moi preto da afectada Serra do Gontón, téñense rexistrado 300 tipos de aves, sendo xa un referente a nivel nacional en materia de observación de aves migratorias. Sinalan que “máis dun millóns de aves migratorias pasan durante o verán-outono durante a súa migración anual”.

Críticas dende Equo

Así mesmo, o partido ecoloxista EQUO Galicia tamén "rexeita hipotecar o futuro da Serra do Gontón pola construción do Parque Eólico de Mouriños" e tamén presenta alegacións en apoio dos colectivos en loita. “Entendemos que se trata novamente doutro ataque ao noso patrimonio natural e paisaxístico da man das grandes multinacionais enerxéticas, ao que se suma o beneplácito da Xunta de Galicia que novamente prima os intereses empresariais aos intereses públicos ambientais”. Ante todo EQUO Galicia esixe o respecto pola legalidade ambiental e polo incalculable valor paisaxístico da zona. Lembramos que o parque eólico proxectado afecta directamente ao miradoiro da espectacular desembocadura do río Anllóns na ría de Corme e Laxe. EQUO Galicia denuncia varias deficiencias graves tanto no proxecto do parque eólico de Mouriños como no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas. "Ambos os dous proxectos concíbense de modo indisociable o un do outro e, con todo, preséntanse ante a cidadanía como proxectos autónomos en detrimento dos dereitos de participación e información cidadá, supoñendo unha verdadeira fraude de Lei".

Ampliado o prazo de presentación de alegacións

Finalmente, e debido a un cambio na lexislación vixente, a Xunta de Galicia ampliou o prazo de presentación de alegacións ata o 17 de agosto. Para ese efecto, e á parte das súas propias alegacións técnicas, a Plataforma Salvemos Cabana dispuxo un escrito xenérico para todas aquelas persoas interesadas que pode descargarse en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro público.  

Novas relacionadas

Outras novas eólicas

 

Fonte

Comentarios