Denuncian que o borrador do PXOM deixa aberta a recuperación da mina de ouro de Corcoesto
Parecía unha batalla vencida pola sociedade civil ata que Petón do Lobo se preguntaba por uns datos no PXOM cabanés, a día de hoxe en fase de tramitación e co informe de impacto ambiental en exposición pública.
Imaxe dunha das manifestacións contra a mina de ouro de Corcoesto en 2013-Foto-Jose Manuel OjénA asociación bergantiñá sinala, despois de analizalos documentos, que “na páxina 15 da Memoria Informativa do futuro Plan Xeral de Cabana aparece reflexado aínda o proxecto mineiro de Corcoesto e fai referencia tamen a outros proxectos ou iniciativas mineiras que poidan ter lugar no futuro, e ademais, aparece un plano con cuadrículas mineiras onde están as Julias”.
Dende Contramínate, outra das entidades que máis traballaron por manter libre de ouro a zona, recoñecen que o proxecto da mina segue aparecendo no borrador do PXOM, e consideran “mosqueante” que despois de que a Xunta anulase o proxecto, o Concello siga entendo que os terreos se sigan contemplando como territorio destinado á minaría.
Súmase á denuncia a Plataforma Salvemos Cabana, que indica que “o texto garda "un novo intento do alcalde popular José Muíño de impoñer pola porta de atrás un futuro plan extractivo na parroquia". A entidade sinala que o documento fai “unha lectura torticeira do mapa municipal, facendo unha superposición dos límites municipais de Cabana de Bergantiños sobre o mapa de dereitos mineiros procedente da Subdirección Xeral de Minas da Consellería de Industria" afirmando que "gran parte do territorio municipal corresponde a seccións que teñen solicitado as prospeccións". Así, avanza que “tarde ou cedo se producirá un novo intento para reabrir o xacemento aurífero”.
Tanto Contramínate como Petón do Lobo van presentar alegacións a este Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O alcalde cabanés, José Muíño, manifestou reiteradamente a súa aposta polo proxecto e mesmo personou xudicial ao Concello en contra da anulación do mesmo por parte da Xunta e da empresa.
Novas relacionadas
- Abril 2016: O Concello de Cabana persónase xudicialmente a favor da mina por unha posible indemnización.
- Xaneiro 2016: Petón do Lobo presenta sinaturas para tratar sobre os dereitos mineiros de Corcoesto no PXOM de Cabana.
- Outubro 2015: A Xunta determina a perda definitiva dos dereitos mineiros de Corcoesto por parte de Edgewater.
- Marzo 2015: Unha reflexión sobre a loita social bergantiñá na documental Tesouro de Corcoesto.
- 07-01-15: A empresa canadense Edgewater perdeu os dereitos mineiros de Corcoesto (e toda a historia).