Luns. 18.11.2019
El tiempo

En Marea oponse aos parques eólicos de Cabana e Laxe

En Marea oponse aos parques eólicos de Cabana e Laxe
Miradoiro-do-Pico-de-Sinde-ao-Esteiro-do-Anllons-Foto-Salvemos-Cabana Vistas dende o miradoiro do pico de Sinde cara o Esteiro do Anllóns. Imaxe: Salvemos Cabana O proxecto do parque eólico Mouriños conta cun novo rexeitamento. Nesta ocación é En Marea quen se posiciona radicalmente en contra dos viraventos que se pretenden instalar no concello de Laxe e en Cabana de Bergantiños por canto suporá unha agresión medioambiental e paisaxística sen precedentes sen que nin sequera aporten unha soa contrapartida de carácter social. O vicevoceiro de En Marea - Antón Sánchez - e o deputado da área de industria - Francisco Casal - explicaron en que consistían ambos parque eólicos que, entre outras cousas, van contar con aeroxeneradores dun tamaño que "triplican as dimensións da torre de Hércules". Francisco Casal explicou o que significan estes dous parques "nun territorio que é dos de maior valor paisaxístico da Península". A intención de colocar estes dous parques ten unha singularidade con respecto a outros existentes: "teñen poucos aeroxeneradores, tres nun caso e catro e noutro, pero os que teñen son xigantescos, cada un deles ten tres veces o tamaño da torre de Hércules e produce doce veces o que un aeroxenerador común". O tamaño dos aeroxeneradores supón "unha maior contaminación paisaxística para o territorio pero, ademais, estes aparellos precisan dunha serie de instalacións auxiliares moito máis grandes que as habituais" sinalou Casal. Engadiu neste sentido que pola cantidade de produción destes aparellos "hai que contar que tamén suporán a construción de novas liñas de alta tensión e as subestacións correspondentes". Casal engadiu que poñer en marcha "estes parques eólicos en Cabana e Laxe é como crear dous parques industriais no medio dunha paraxe inigualable". marea-parque-mourinos O voceiro de En Marea, Antón Sánchez, e o deputado da área de industria, Francisco Casal, explicaron os motivos polos que o partido rexeita o proxecto Para o deputado de En Marea o feito de que sexan só tres (Laxe) ou catro aeroxeneradores (Mouriños, Cabana) en cada proxecto supón un pequeno elemento máis "posto que as eléctricas pagan aos concellos en función do número de aeroxeneradores e non da capacidade de produción que teñan, polo que na práctica ningún destes dous parques deixará cartos nas arcas públicas dos concellos". Francisco Casal fixo uns cálculos prudentes para as posibilidades de produción: "poderían facturar uns tres millóns de euros por ano, cun coste de mantemento que non pasaría dos 300.000 euros, o que suporía que en menos de oito anos os parques estarían financiados". Pero este beneficio inmenso, según explicou Casal, non deixa ningún beneficio na comarca porque as empresas "non teñen que pagar o canon eléctrico e como os parques se consideran de utilidade pública os prezos que se pagan polos terreos son irrisorios. Política de expolio Para Antón Sánchez a posta en marcha destes dous parques eólicos responde á mesma política que Feijóo ven desenvolvendo en Galicia: "explotación do territorio sen ter en conta do interese xeral, capitalismo de amiguetes, e nin unha soa medida para protexer os recursos de Galicia". O vicevoceiro de En Marea sinalou que tanto no caso de Laxe como no de Cabana os prexuízos destes dous parques "son evidentes para un territorio que ten no turismo medioambiental unha das súas chaves para o futuro". Sánches sinalou que estas dúas instalacións suporán "unha agresión inaceptable para a Costa de Morte sen que a cidadanía reciba nada a cambio". "É simplemente un negocio para as empresas a conta de que a zona perda un dos seus recursos principais, o dos recursos medioambientais".    

Novas relacionadas

Outras novas eólicas

 

Fonte

Comentarios