Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Íntegro ensina ao alumnado do IES de Baio a previr as lesións medulares

Íntegro ensina ao alumnado do IES de Baio a previr as lesións medulares
integro-ies-baio Alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES de Baio puxeron a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas A asociación Íntegro continúa coa súa campaña de prevención de lesións medulares polos distintos centros educativos da Costa da Morte. Tras a visita ao IES Monte Neme de Carballo a semana pasada, onte foi o turno do IES Maximino Romero de Lema de Baio que, precisamente estes días, están inmersos na súa semana cultural. Para informar sobre as causas e consecuencias de realizar prácticas de risco, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, desprazouse ata o IES de Baio xunto ao vogal da nosa entidade, David Pombo, e unha voluntaria da asociación, Teresa Fuentes, abrindo así o programa de actividades da semana cultural do centro zacense. Os tres poñentes mantiveron unha xuntanza con alumnos e alumnas de 3º da ESO para explicarlles a necesidade de coñecer e evitar riscos innecesarios que poden causar a morte ou deixar secuelas incurables - matizaron- ao tempo que relataron as súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas, momento que suscitou gran curiosidade entre os/as estudantes por saber como era o seu día a día. integro-baio Adolfo López Baña, presidente de Íntegro, foi o responsable da charla informativa sobre a prevención das lesións medulares A xornada chegou ao seu punto máis álxido cando tocou poñer en práctica o aprendido na charla informativa. Os e as participantes tiveron a oportunidade de poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas e o seu grao de empatía para poñerse no lugar de quen ten a mobilidade reducida. E todos/as coincidiron en sinalar que sobre as dúas rodas, todo se ve diferente. Facendo gala dunha gran capacidade de adaptación e moitas gañas de superación, os alumnos/as animáronse a realizar algúns tiros á canastra de baloncesto e realizar un circuíto de mobilidade polo pavillón escolar cun resultado moi espectacular. Esta actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e nela colaboran tamén varios concellos e entidades privadas da Costa Morte. Novas relacionadas

Fonte

Comentarios