Venres. 29.03.2024
El tiempo

José Manuel Andrade: “O leite é a principal especialización produtiva do agro galego. Pero falla a capacidade de transformación”

A Fundación Juana de Vega ten aberto un programa de axudas ao sector agro-gandeiro
Fundacion Juana de Vega
José Manuel Andrade, á esquerda, nunha sesión informativa en Mazaricos sobre a Conta Láctea, outro servizo para o sector gandeiro creado pola Fundación Juana de Vega con apoio institucional
José Manuel Andrade: “O leite é a principal especialización produtiva do agro galego. Pero falla a capacidade de transformación”

Volve estar aberto o Programa de Apoio a empresas do sector primario da Fundación Juana de Vega. A entidade quere axudar a desenvolver, a dinamizar, a modernizar o sector agrario e pesqueiro da Costa da Morte, unha zona de especial sensibilidade para o seu director, José Manuel Andrade, natural de Cabana de Bergantiños.

Nestes pasados anos xa puideron aproiveitar estas axudas proxectos como os de Ar de Arte, a Cooperativa Xallas, a Horta Baldaio, Patata de Coristanco ou a Horta Ramisquido.

 
  • QPC: Antes de nada, como é a túa vinculación coa comarca? Podes vir habitualmente?

Bueno, manteño unha certa vinculación coa comarca, visito con frecuencia a casa de meus pais en Corcoesto, e gústame tomar, cando poido, o aperitivo os fins de semana por Pazos, en Ponteceso.

&nsbp;
  • QPC: Como está sendo, segundo a túa visión, a recuperación económica da Costa da Morte tras eses anos de pandemia?

A Costa da Morte non é unha comarca que destaque especialmente polo seu dinamismo socioeconómico, como tamén acontece en outras moitas comarcas rurais de Galicia, se ben é certo que por ser área de influencia da cidade de A Coruña e ter un vila de cabeceira comarcal como Carballo cun certo peso industrial, fai que o seu comportamento comparativo non sexa malo. O que si está claro é que no eido turístico a Costa da Morte está despuntando cada vez máis, ao que axuda sen dúbida o Parador de Muxía, que actúa como elemento tractor atraendo un turista de poder adquisitivo que xera unha dinámica positiva ao seu redor. A isto hai que sumar a aparición de novos establecementos turísticos de calidade, unha boa gastronomía e unha paisaxe extraordinaria aínda pouco coñecida. As cifras no contexto da covid-19 foron moi boas e van ser mellores aínda no futuro.

&nsbp;
  • QPC: O sector da pesca parece que cada vez se enfoca máis ao turismo; o agro non acaba de convertirse nun verdadeiro motor económico agás en concellos como Coristanco ou Mazaricos… A nivel global, como ves o tecido empresarial arredor do sector primario da Costa da Morte?

Unha das eivas principais do sector primario en Galicia, é que a industria transformadora é de pequena dimensión, de carácter familiar, especializada en derivados simples e con pouca capacidade de innovación, que impiden xerar valor para as producións primarias. A Costa da Morte non é allea a esta realidade e isto sen dúbida é un problema que hai que atallar para que o sector primario, que ten moita potencialidade, poida xerar riqueza e emprego nos espazos rurais de Galicia.

&nsbp;
  • QPC: Por aquí falamos moito, por exemplo, do sector leiteiro mazaricá, unha potencia na materia a nivel galego. Cres que é unha excepción ou un exemplo de como traballa o sector primario?

O leite non é unha anécdota en Galicia. Somos a primeira rexión produtora de España, achegando o 40% do leite do estado, producimos máis leite que as outras catro comunidades autónomas que máis leite producen, e somos a décima rexión produtora de Europa e seguimos medrando. O leite achega máis do 1,5% do PIB de Galicia e hoxe é a principal especialización produtiva do agro galego. Isto non sería posible sen uns gandeiros altamente especializados, tecnificados e eficientes, que sen dúbida son un exemplo da potencialidade e da alta tecnificación do noso agro. E como dicías, Mazaricos, é o primeiro concello de Galicia en canto a produción láctea, seguido de A Pastoriza, Lalín e Castro de Rei. Loxicamente isto non sería posible se non gañasen cartos, en consecuencia, non é certo o que transmiten de que viven na ruína permanente.

&nsbp;
  • QPC: Que cres que falla para mellorar o noso tecido empresarial? Transformación? Que carencias notas no rural para o desenvolvemento de proxectos con ese valor engadido?

Evidentemente falla a capacidade de transformación. O exemplo volve a ser o leite, temos unha enorme capacidade produtiva pero temos unha industria láctea cuxo principal produto elaborado é o leite líquido en brick ou en botella, cun baixo nivel de transformación, que é banalizado ou empregado como reclamo nas cadeas de distribución. Tamén falla a capacidade de innovación no desenvolvemento de novos produtos, e o pequeno tamaño das empresas supón en moitas ocasións dificultades para competir e investir en novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia dos procesos produtivos. Outra eiva que detectamos, nun contexto de empresas pequenas, é a falta de colaboración ou cooperación que axudaría a superar a problemática desta pequena dimensión. &nsbp;

  • QPC: Por onde cres que ten que ir o produtor medio da comarca para mellorar a súa rendibilidade? Calidade? Cres que unha marca territorio como Costa da Morte Terra Atlántica pode servir como selo identificativo?

A aposta pola calidade e a diferenciación é fundamental para ser competitivo e a identificación dunha marca co territorio é un exemplo do que se fai en moitos sitios, pero eu penso que iso ten sentido cando ese territorio é identificado no imaxinario colectivo cunha produción de calidade concreta. En caso contrario eu non son moi partidario da proliferación de marcas territoriais para todo, senón máis ben de aproveitar ou adherirse a marcas ou Denominacións de Orixe ou Indicación Xeográficas existentes, para beneficiarse en maior medida das accións de promoción desenvolvidas con carácter xeral.

&nsbp;
  • QPC: Que aporta a Fundación Juana de Vega para as empresas do agro galego? En que consiste ese apoio? Que beneficios lle trae ás empresas que o solicitan?

O programa de apoio a empresas agroalimentarias pretende axudar a aquelas persoas emprendedoras que teñen idea de poñer en marcha unha empresa no sector agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como en sectores de base tecnolóxica vinculados a estes, e incluso do sector turístico, tratar de facela realidade coas maiores garantías de éxito posible, sendo conscientes iso si, de que o éxito, como en todos os ámbitos da vida, nunca está garantido.
Tamén axuda a empresas xa existentes a lanzar, por exemplo, un novo produto ao mercado, a desenvolver un plan de marketing ou plan comercial, a facer unha investigación de mercados, a revisar a súa estrutura financeira, a elaborar plans de financiamento, ou incluso, a redefinir a súa estratexia, entre outras.

En canto aos beneficios que lle aporta ás empresas participantes eu destacaría a posibilidade de contar de xeito gratuíto con asesoramento especializado nos temas a abordar, o que axuda sen dúbida a minimizar os riscos derivados das decisións empresariais, contribuíndo ao fortalecemento do tecido produtivo no rural de Galicia. Penso que esta cuestión é especialmente relevante nun contexto, como falamos, de empresas pequenas e con recursos limitados.

&nsbp;
  • QPC: Cantos proxectos levades axudado nestes anos e que porcentaxe deles se manteñen?

Desde o ano 2012, que foi cando se lanzou este programa, levamos axudado a máis de 90 empresas, cun perfil moi variado en canto á tipoloxía destas como dos emprendedores, sendo o balance que facemos positivo. No canto dos emprendedores, o 60% das novas ideas de empresas chegaron a poñerse en marcha, e destas, o 76% continúan máis aló dos tres anos de vida. Estas cifras son superiores ás que se dan de media no eido do emprendemento en xeral, que segundo diversos estudos que manexamos, a porcentaxe das que continúan despois de tres anos sitúase ao redor do 36%. Isto, sen dúbida, é moi positivo, e pode deberse en certa medida a que os proxectos vinculados ao sector primario e derivados son máis resilientes que outros non tan pegados á terra.

&nsbp;
  • QPC: Como son os prazos de presentación de solicitudes e como poden presentarse?

O prazo para presentar a solicitude para poder participar no programa remata o vindeiro día 30 de novembro, e pode presentarse de maneira moi sinxela a través da páxina web da Fundación, ou do propio programa programadeapoyo.juanadevega.org.

Novas relacionadas

Comentarios