Máis de 4.000 rapaces aproveitaron o albergue xuvenil municipal de Cabana durante 2025
Un privilexio o albergue xuvenil do que dispón Cabana de Bergantiños, nun lugar tan privilexiado como é á praia do Pendón, en pleno paseo marítimo da enseada do Anllóns.
Unha infraestrura que aproveitou o Concello rehabilitando as Casas dos Mestres, e que cada ano se convirte un polo de atracción de mocidade, a través dos programas da Xunta, pero tamén como espazo de adestramento para clubs.
Este 2025 recibiu máis de 4.000 persoas. Un dos últimos grupos en utilizar as instalacións foi o Club de Natación e Salvamento da Estrada. Os cadetes e infantís da agrupación deportiva aloxáronse en Cabana para preparar o Campionato Galego, que se celebrará o mes que vén.
Este tipo de estadías amosan o uso do albergue máis aló da tempada estival. Neses meses recibe o seu pico de visitantes, especialmente coa organización dos campamentos da Xunta. Con todo, o centro mantén unha ocupación continuada o resto do ano grazas a hóspedes que aproveitan as instalacións deportivas e as actividades culturais e de natureza do municipio.
Os usuarios chegan tanto de Galicia como doutros puntos de España. Moitos están vencellados ao deporte, como clubs de baloncesto, salvamento, tríatlon, halterofilia ou sendeirismo, pero tamén se aloxan asociacións de tempo libre e excursións de colexios, concellos e estudantes de intercambio, tanto de Erasmus como de países como Francia ou Alemaña.
Neste sentido, o albergue xuvenil reforza a desestacionalización das visitas a Cabana. É un dos obxectivos do goberno municipal para afianzar un modelo de turismo sostible máis alá do verán.

