Venres. 03.05.2024
El tiempo

O Centro de Día de Cabana organiza rutas de sendeirismo para maiores da comarca de Bergantiños

O Centro de Día de Cabana organiza rutas de sendeirismo para maiores da comarca de Bergantiños

Non cabe dúbida que o Concello de Cabana é un dos que mellor coida aos seus maiores de toda a bisbarra. Agora, ademais dos cursos de memoria, agora os maiores apúntanse ás camiñadas.

O Centro de Atención a Persoas Maiores de Cabana de Bergantiños, en colaboración cos concellos de Ponteceso, Zas, Laxe e Cabana, artellaron un programa de rutas titulado “Discorrer ó pé da auga” que ten como obxectivo dar a coñecer distintos espazos naturais e patrimoniais da comarca de Bergantiños. Este programa diríxese a todas aquelas persoas maiores de 60 anos que estean interesadas.

En total programáronse cinco rutas nas cales se realizará un percorrido a pé guiado por monitores dos respectivos concellos e dunha duración de 2 ou 3 horas con visita a distintos elementos de interese. Cada día contarase cun servizo de autobús que partirá das respectivas casas do concello e que trasladará ós asistentes ata o punto de encontro da ruta do día.

Estes percorridos principiarán o vindeiro xoves 30 de xuño polo concello de Cabana de Bergantiños. A primeira sesión discorrerá polo rego dos Muíños e visitaranse o dolmen de Dombate e o castro A Cidá de Borneiro. A segunda está programada para o xoves 7 de xullo e transcorrerá polo concello de Zas. O paseo levará ós maiores desde o pazo de Daneiro ata as torres do Allo. A terceira será en Ponteceso desde a Fundación Eduardo Pondal ata o esteiro do Anllóns o xoves 14 de xullo. Por Ponteceso tamén se realizará a cuarta o xoves 21 de xullo. Nela visitaranse a igrexa de San Fins de Anllóns e os muíños da Saímia. O último percorrido terá lugar en Laxe o xoves 28 de xullo. Partirase desde a praia de Arnado e chegarase ata a vila de Laxe. Durante o traxecto realizaranse visitas guiadas á igrexa de Santiago de Traba, á lagoa de Traba e á capela de Santa Rosa.

Inscricións

Queda aberto o período de inscrición para estas cinco rutas. Pode obterse máis información ou realizar a inscrición no Centro de Día de Cabana de Bergantiños (981 714 780), no Concello de Cabana de Bergantiños (981 754 020), no Concello de Ponteceso (981 714 000), no concello de Zas (981 751 398) ou no Concello de Laxe (981 706 903). Haberá límite de prazas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios