Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Once usuarios/as de Íntegro desfrutan xa dos beneficios da natación terapéutica

natacion piscina integro
Once usuarios/as de Íntegro desfrutan xa dos beneficios da natación terapéutica

Tras o parón provocado pola COVID-19, un grupo de usuarios e usuarias do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional volve desfrutar dun novo curso de natación terapéutica na piscina municipal de Cabana co obxectivo de mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal, pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático.

A actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia da asociación Íntegro, utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Natacion terapeutica en Integro

Durante estes meses de outono e primavera, acompañados de dúas monitoras e unha profesora especializada en natación adaptada, non só aprenderán a nadar, senón que tamén realizarán exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercutirán positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.

Comentarios