Os alcaldes populares de Bergantiños confían en manter o Partido Xudicial en Carballo
Saíu o pasado venres a plana maior dos alcaldes do Partido Popular de Bergantiños, para defender a posición da capital como sé dun Partido Xudicial, en contra do que propón a lei que propón o seu partido dende o Goberno Central.
O deputado autonómico, Aurelio Núñez, e os alcaldes e portavoces do Partido Popular pertencentes á comarca de Bergantiños -Carballo, Laxe, Ponteceso, Cabana, Laracha e Coristanco- defenderon que por volume de poboación, carga de traballo e instalacións xudiciais, “Carballo cumpre cos requisitos que establece o anteproxecto para a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial para manter os tres xulgados cos que conta na actualidade”.
Considera pois o PP provincial “seguro” e “convencido” de que Carballo cumpre as condicións para manterse como sé xudicial.
Sen falar doutras vilas afectadas da zona, Núñez insistiu en que o Goberno Central debe ter en conta as características socioeconómicas, de poboación e de infraestructuras que ten Galicia á hora de deseñar a futura planta xudicial.
Críticas ao alcalde de Carballo
Pola súa banda, o portavoz dos populares en Carballo, Miguel Ferreiro, acusou ao alcalde, Evencio Ferrero, de “buscar a división” entre os grupos municipais ao presentar como “moción conxunta” o texto do BNG para defender a continuidade dos xulgados carballeses. “Reunímonos para buscar un consenso e redactar unha moción conxunta, e o alcalde presentou o texto tipo que presentan os nacionalistas en todos os concellos”, criticou Ferreiro.
Neste sentido, o portavoz popular mostrouse “aberto” para tratar de buscar unha postura común entre todas as forzas políticas de Carballo, pero deixou claro que o seu partido “non apoiará a moción do BNG”.
Novas relacionadas
- 23-04-14: Carballo e Corcubión, sen Muros, lideran a loita contra o desmantelamento dos Partidos Xudiciais.
- 14-04-14: Gobernos e oposicións de Corcubión e Carballo érguense polos Partidos Xudiciais.
- 14-02-12: Muros tamén rexeita a supresión do seu partido xudicial.
- 11-05-12: Unanimidade en Corcubión contra o desmantelamento do Partido Xudicial.
- 09-05-12: Corcubión ameaza coa mobilización polo desmantelamento do Partido Xudicial.
Fonte
- Nota de prensa do PP de Bergantiños.