Os alcaldes únense á loita pola homologación do Camiño dos Faros como Sendeiro GR
Parece que tiveron que saír os trasn@s na tele para convencelos. Pero parece que os alcaldes da Costa da Morte dan un paso adiante no seu apoio ao Camiño dos Faros, un dos mellores produtos turísticos que podemos vender.
Se ben apenas hai un par de concellos que coidan e rasuran o sendeiro ao paso polo seu termo municipal, todos aseguraron esta fin de semana que apoian a homologación do Camiño dos Faros como un sendeiro de Gran Percorrido, GR, o que suporía aparecer en ducias internacionais de sendeirismo. Un gran impulso turístico do que, pouco a pouco, nos imos decatando.
A Asociación Camiño dos Faros e o Concello de Ponteceso impulsaron unha xuntanza entre todos os alcaldes polos que pasa o roteiro (Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee e Fisterra), para pechar o circulo de todas as reunións que levan feito os representantes dos trasn@s nos últimos dous anos, e poder darlle cara adiante á homologación, en conxunto.
Conscientes da necesidade da unión para esta clase de avances comarcais, viuse que hai xa un "camiño marcado", con nos conta o trasn@ maior, pero "toca conseguir apoio económico e xurídico da Deputación (o deputado carballés Xosé Regueira acodiu á reunión e deixou claro que a pesar de non ter competencias en canto aos permisos, si que apoiarán economicamente o Camiño), falta conseguir os permisos de Medio Ambiente da Xunta, de Costas, Portos… e seguir traballando en conxunto". Iso si, "o que lles quedou claro aos alcaldes é que, de facelo, facelo ben, con respecto á natureza e á propia esencia deste proxecto", apunta Traski, deixando patente a obrigatoriedade de non invadir con cementos, pasarelas e demais
Polo de pronto, a Asociación xa case ten rematado o Estudio de Definición de Sendeiro (EDS) que é o que analiza todo o Camiño, unha ferramenta fundamental para o proceso clave de sinalización, tanto a interna (durante o percorrido), como externa, facendo que as estradas da zona inclúan carteis que nos leven ata o PR.
Novas sobre o Camiño dos Faros
- Os trasnos invaden a TVE de Faro en Faro.
- Turgalicia escolle o Camiño dos Faros para o anuncio de outono.
- A TVE xa é trasna.
- Os trasn@s cabalgan sós.
- O Camiño dos Faros afía o seu proxecto como ruta de Gran Recorrido.
- O Camiño dos Faros como ruta de integración para a diversidade funcional.
- Un milleiro de trasn@s toman de novo o Camiño dos Faros
- O Camiño dos Faros volve máis forte que nunca ca 5ª edición.
- O Ultratrail Camiño dos Faros xa ten data para 2015.
- Medran os adheridos para que o Camiño dos Faros sexa unha Ruta de Gran Percorrido.
- A Costa da Morte aposta unida por un Camiño dos Faros Ruta de Gran Percorrido.
- Por un futuro cheo de vida no Camiño dos Faros.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).