Os subornos que denuncia Edgewater, “inadmisibles” para a Xunta
Voceiros da Consellería de Economía e Industria rebaten, en declaracións ao xornal curmán Galicia Confidencial, as insinuacións de corrupción vertidas por Edgewater. A empresa incluíu no preito contencioso-administrativo contra a denegación da mina un email no que o xestor da matriz canadiense laméntase de que non pagar subornos e non atender a “amigos do presidente que chegaban con ofertas para ‘axudar’ (o que normalmente implica dólares nun maletín Samsonite)”.
Dende a Xunta rebátese dicindo que “a información estase a analizando en detalle para determinar se se emprenden accións legais ante unhas consideracións que consideramos inadmisibles”. As citadas fontes entenden que foi a outra parte quen filtrou o contido do sumario a algúns medios como parte “da estratexia da empresa para conseguir a indemnización de 20 millóns de euros” que reclaman ante o tribunal.
A Administración admite que “a empresa está no seu dereito de presentar recurso” pero deixa claro que non hai opcións de revivir a fracasada macromina de ouro a ceo aberto. Industria informa que o contencioso está na súa primeira fase, polo que están redactando unha resposta para detallar porque se negou o proxecto, din que atendendo exclusivamente a criterios técnicos e económicos. A Xunta argumenta que os dereitos de explotación de Minera de Corcoesta -a filial galega da canadiense Edgewater- están caducados e que isto está avalado polo Tribunal Constitucional.
Que di exactamente o CEO de Edgewater no correo aos seus subordinados? Velaquí a traducción do correo ao xerente da filial española, publicado por Fernando Varela en Info Libre:
“Hola Luis, vaia se tes razón, é un día triste sen dúbida. Tiñamos tantas esperanzas de avanzar no proxecto. Non sei como poderiamos telo feito doutro xeito diferente -a parte de pagar dólares a políticos como nos pediron. É a maneira doada de facer as cousas e calquera pode facelo -pero está en contra dos nosos valores básicos para facermos negocios.
parte irónica disto é que eu deixei Venezuela cinco anos atrás debido á corrupción, buscando un gran lugar para facer negocios e escollín España a mantenta. Agora considero que hai pouca diferencia entre o xeito de tratarnos por parte do Goberno de Venezuela e o da Xunta. De feito, os modos son case idénticos. A lenta erosión dos nosos dereitos, a denegación de permisos, inventarse novas leis e decretos ao longo do proceso para pararnos, amigos do presidente chegando con ofertas de ‘axuda’ (o que normalmente implica dólares nun maletín Samsonite) etc. Isto é exactamente o mesmo que Hugo Chávez fixo a Rusoroantes de arrebatarnos por completo o proxecto (que é o que vai facer dentro de nada a Xunta con nós). Encantaríame poder facer esta comparación entre Galicia e Venezuela na prensa, porque é certa. Pero, por agora, supoño que necesitamos manternos quedos.
No referido ao equipamento, vende o que poidas.
Grazas Luis”.
Trátase dunhas acusacións moi duras que, por iba, veñen acompañadas doutra filtración do sumario que está a revisar o TSXG.
Economía Digital publica o relato das negociacións entre a mineira e altos cargos de Industria. Segundo a versión da compañía, até tres reunións houbo nas que cargos do Goberno Galego mediaron con Edgewater para incorporar un “socio local” ao proxecto. Finalmente ningunha firma española ou galega sumouse á iniciativa e o plan desbotouse, entre outros motivos, por falta de viabilidade económica.
Novas relacionadas
- 11-04-16: O Concello de Cabana persónase xudicialmente a favor da mina por unha posible indemnización.
- 07-04-16: O debate sobre o proxecto mineiro Isabela II volve ao Parlamento.
- A Deputación di non ao proxecto mineiro Isabela II
- Isabela II é só o principio do proxecto mineiro da Xunta para toda Galicia
- O proxecto mineiro Isabela II chega ao Parlamento.
- Os concellos de Zas e Vimianzo rexeitan o proxecto mineiro Isabela II
- 11-02-2016: Piden máis información sobre o proxecto mineiro de Isabela II a unha semana do peche do prazo de alegacións
- 05-02-17: BNG e AGE piden a paralización do novo proxecto de minería que ameaza a Costa da Morte.
- 27-01-16: 17 organizacións declaran a alerta social en contra das novas concesións mineiras.
- 22-01-16: Isabela II: a nova mina que ameaza terreos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
- Petón do Lobo presenta sinaturas para tratar sobre os dereitos mineiros de Corcoesto no PXOM de Cabana.
- A Xunta determina a perda definitiva dos dereitos mineiros de Corcoesto por parte de Edgewater
- As batatas, as novas inquilinas dos terreos da fallida mina de ouro de Corcoesto.
- Unha reflexión sobre a loita social bergantiñá na documental Tesouro de Corcoesto.
- 07-01-15: A empresa canadense Edgewater perdeu os dereitos mineiros de Corcoesto (e toda a historia).
- Nova do xornal curmán Galicia Confidencial.