martes. 17.06.2025
El tiempo

O PIMD Rural de Íntegro axudou a máis de 70 mulleres de Bergantiños na súa inserción laboral

O PIMD Rural de Integro
O PIMD Rural de Íntegro axudou a máis de 70 mulleres de Bergantiños na súa inserción laboral

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), impulsado pola asociación Íntegro segue consolidándose como un apoio esencial para as mulleres das zonas rurais pola súa capacidade de resposta e reforzo na atención integral ás persoas usuarias co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a reducir a tripla discriminación que sofren moitas mulleres por razón de xénero, discapacidade e contorno rural.

A maioría das máis de 70 mulleres atendidas neste servizo (48 presentan algún tipo de discapacidade) son residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación, o que consolida a aposta do programa por achegar recursos e servizos ás zonas con maiores dificultades de acceso.

Este exercicio estivo marcado por un incremento considerable nas intervencións de carácter psicolóxico, grazas á incorporación a xornada completa dunha profesional especializada que permitiu reforzar a atención individualizada, así como os servizos de mediación familiar e intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico. O equipo profesional, ampliado neste ano a catro integrantes —psicóloga, educadora social, traballadora social e integradora social—, garantiu un servizo de atención continuada, próximo e integral.

Ao longo do curso, realizáronse numerosas actuacións centradas na orientación, información e asesoramento en recursos específicos, así como actividades dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais.

Inserción laboral e formación: dous piares fundamentais

A orientación laboral e o seguimento personalizado na busca de emprego continúan a ser dous dos servizos máis demandados polas usuarias.

Ademais, a formación ocupou un lugar destacado dentro do programa, coa organización de talleres formativos adaptados ás necesidades detectadas. Entre as temáticas abordadas destacan: manexo de smartphones, autonomía persoal, autocoidados, autodefensa emocional, soidade en positivo, orientación laboral, busca de emprego en internet e sexualidade e afectividade baixo o lema “Se o amor aperta, non é da túa talla”.
Actualmente, durante o mes de xuño, estase a impartir un taller sobre sexting seguro, mentres que o de busca de emprego en internet —de gran acollida—terá unha nova edición en xullo para dar resposta á alta demanda.

PIMD Rural

O PIMD Rural está promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través dun programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres acceder a formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, podes contactar con Íntegro no teléfono 981 734 985 ou a través do correo electrónico info@integro.es.

Comentarios