martes. 16.12.2025
El tiempo

Tractores, panxoliñas e dous matíns inéditos para preparar o Nadal en Valenza de Bergantiños

FOTO MATÍNS 2024
Imaxe dos Matíns do ano pasado
Tractores, panxoliñas e dous matíns inéditos para preparar o Nadal en Valenza de Bergantiños

A parroquia rural de Valenza de Bergantiños convértese este Nadal nun referente na recuperación do patrimonio inmaterial grazas á saída dos Matíns de Valenza organizada pola Asociación Cultural Lourido, coa colaboración do Concello de Coristanco. Xa a recuperación do Antroido do Buro demostrou que falamos dunha vila tremendamente viva. Agora os Matíns volven ás casas da parroquia con dúas cantigas inéditas recuperadas da memoria dos seus maiores.

A Asociación Cultural Lourido celebrará o vindeiro sábado 20 de decembro de 2025, pola mañá, unha nova saída dos Matíns de Valenza de Bergantiños (Coristanco): un percorrido en tractores polos lugares da parroquia, cantando diante das casas, pedindo o aguinaldo e rematando cun xantar de convivencia para os socios participantes. Segundo a memoria oral, estas dúas cantigas non se cantaban en público desde había máis de 80 anos.

Que significan os Matíns en Bergantiños?

Os Matíns son as cantigas de Nadal propias da bisbarra que, en moitas parroquias de Bergantiños, acompañaron tradicionalmente a noite de Nadal xunto con panxoliñas e cantares de Reis. O nome está emparentado cos maitines, a oración de madrugada na liturxia cristiá vencellada á noite de Nadal e á Misa do Galo, pero aquí acabou nomeando sobre todo as músicas e cantos que se facían nesas datas: na igrexa, nas casas, nos cabanotes e nas ruadas de veciños.

Non eran só pezas relixiosas: mesturaban o relato do nacemento, a devoción popular, o humor e, o máis importante para os panxoleiros, a pedida do aguinaldo. Algunhas persoas maiores de Valenza aínda lembran escoitalas de nenos na casa, malia que durante moitas décadas deixaron de organizarse saídas de Matíns pola parroquia.

Os Matíns de Valenza hoxe: dous inéditos volven á vida

Asociación Lourido está a realizar un traballo de recollida de tradición oral entre a veciñanza máis vella, recuperando a costume de ir cantar polas casas no tempo de Nadal pedindo o aguinaldo. Froito dese proceso recolléronse dous Matíns propios de Valenza, transmitidos de xeración en xeración na parroquia mais nunca publicados.

Este Nadal, por primeira vez en moito tempo, estes dous Matíns cantaránse de novo en comunidade, xunto con outras panxoliñas galegas populares, nun percorrido que quere devolverlles ás casas e aos cabanotes a música que gardaban na memoria da xente maior.

As persoas participantes irán vestidas de cotío e acompañarán as voces con gaita, acordeón e percusións tradicionais. Durante a mañá, os tractores farán un pequeno percorrido por Valenza, con paradas nos cabanotes de varias casas, ofrecendo alí os Matíns e pedindo o aguinaldo ás familias, en especial á xente maior que conservou estas cantigas na lembranza durante tantos anos.

Ao remate do percorrido, o grupo pechará o día cun xantar de convivencia para os socios colaboradores no local social, pensado como encontro interno para quen tomou parte nos ensaios, na organización e na saída dos Matíns.

Valenza como referencia na recuperación de tradicións

Coa posta en marcha desta actividade, a Asociación Cultural Lourido dá continuidade ao seu traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial de Valenza de Bergantiños, no que se inclúen tamén iniciativas como a recuperación do tradicional Antroido do Burro e a recuperación doutras manifestacións populares a piques de se perder.

A intención é que os Matíns non queden só como un recordo, senón como unha práctica viva que pasa das voces da xente maior ás xeracións novas e axuda a facer de Valenza un lugar recoñecible pola forza da súa memoria colectiva.

“O importante para nós non é só rexistrar as nosas tradicións populares, senón poñelas de novo en funcionamento, que sigan formando parte da vida da parroquia”, subliña a organización. “Se conseguimos revivilo antroido tradicional, que os panxoleiros saian á rua a cantar cada Nadal, que a xente nova os faga seus e que Valenza se identifique de novo coas súas proprias tradicións, teremos dado un paso moi grande na conservación do noso patrimonio cultural e na vida comunitaria do noso pobo”.

CARTAZ MATÍNS 2025 copia

Comentarios