Un estudio fai públicos 172 topónimos deturpados nas sinais da comarca de Bergantiños
Continúa a Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños loitando contra a deturpación dos topónimos da zona. I é que a toponimia é un dos nosos tesouros patrimoniais inmateriais máis auténticos, e as sinais de tráfico da volta non o demostran, e por iso reclaman aos gobernos locais que exerzan a súa responsabilidade moral “para asegurarmos a conservación e transmisión dos nosos nomes de lugar ás vindeiras xeracións sen alteracións nin deturpacións”. I é que compre lembrar que esta "deformación e hibridación da nosa toponimia é unha das secuelas do proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural que o idioma galego leva séculos padecendo”.
Se xa temos pasado pormenorizadamente por Coristanco, por Cabana ou por Ponteceso, hoxe coñecemos as conclusións globais do estudio dos 7 concellos da comarca bergantiñá, con datos que toman como referencia a totalidade dos topónimos fixados no nomenclátor da Xunta.
172 topónimos deturpados nas sinais da volta
Así, de primeiras, xa nos contan que 172 topónimos da comarca de Bergantiños non respectan a súa forma oficial rotulados incorrectament nas sinais da volta, repartidos por concellos do seguinte xeito: A Laracha (61), Coristanco (34), Cabana (22), Carballo (16), Ponteceso (16), Laxe (16), Malpica (7). A todos eles chegoulle unha carta da Mesa indicándolles a rotulación incorrecta localizada en cada concello e lembrándolles que a Lei de Normalización Lingüística estabelece no seu art. 10 que "Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega", que "corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos núcleos de poboación” e que "estas denominacións son as legais a todos os efectos e as rotulacións terán que concordar con elas". Do mesmo xeito, lembroulle que todos os nomes de entidades de poboación dos concellos coruñeses están fixados desde hai xa máis dunha década no Nomenclátor, aprobado polo goberno galego mediante o "Decreto 189/2003 do 6 de febreiro polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña”.
Neste sentido Xosé Cotelo valorou positivamente a resposta dos responsábeis do Concello de Carballo, comprometéndose a corrixiren nas próximas semanas a sinaléctica incorrecta. Tamén o Concello de Ponteceso atendeu a reclamación da Mesa manifestando o seu compromiso coas formas oficiais en futuras rotulacións tanto da Deputación como da Xunta.
Pola contra, dende a mesa lamentan "a actitude o resto dos alcaldes da comarca, que fan ouvidos xordos".
Estudio completo
Recollen no estudio unha variada casuística de erros, que van desde deturpacións vergoñentas como “Puenteceso”, “Valencia”, “Aguarrey” ou “O Regengo”, a outros casos con vacilacións gráficas, omisións do artigo que forma parte do topónimo ou erros de acentuación, que evidencian o desleixo das diferentes administracións ao rotular os nosos nomes de lugar.
Na presentación, que tivo lugar o pasado venres no Pazo da Cultura de Carballo, participaron Marcos Xosé Seoane, vogal da asociación veciñal "Campo da Feira" de Paiosaco (A Laracha), Xosé Cotelo, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca de Bergantiños e Marcos Maceira, membro da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística.
Novas relacionadas
- Valencia non é de Coristanco.
- 20 topónimos deturpados na sinaléctica de Cabana.
- Iglesia de Couto ou Igrexa do Couto?.
Fonte
- Nota de prensa da Mesa de Bergantiños.