Unha Antoloxía poética de Pondal para viaxar por 14 concellos da Costa da Morte
Ponteceso, Cabana, Carballo, Laxe, Malpica, Coristanco, A Laracha, Mazaricos, Santa Comba, Zas, Camariñas, Muxía, Tordoia e Dumbría. Estes son os Concellos polos que pasa a Antoloxía Poética que vén de presentar o pasado venres a Deputación da Coruña ao pé do busto a Eduardo Pondal situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.
“Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana”, elaborado polo investigador Manuel Ferreiro e editado pola Deputación da Coruña, é un libro con 84 poemas a obra “Esta é a terra dos eidos amigos”, que nos permite viaxar por unha escolma xeográfica e un sinfín de topónimos cheos de natureza das terras de Bergantiños, Xallas, Soneira e a Costa da Morte, os “lugares amados polo autor”
“Xunto con Rosalía e Curros son os tres nomes principais aos que lles debemos a recuperación da lingua e a literatura a comezos do século XIX e, nesta obra, apréciase o seu amor pola lingua e polo noso patrimonio”, incidiu a vicepresidenta da Deputación. “Cen anos despois da súa morte vemos que a súa palabra fica, a súa mensaxe visual que vén en forma de xeografía da terra, dos lugares queridos”, rematou.
A antoloxía artéllase cun primeiro apartado dedicado aos poemas que falan do espazo xeográfico pondaliano, os lugares, os ríos, os montes ou a costa. A seguir, a obra detense nas composicións centradas en monumentos megalíticos da "nazón de Breogán" para pasar no seguinte capítulo a recoller textos que glosan figuras con nomes que se basean en topónimos da mesma zona. O libro remata con poemas con dúas cidades que teñen presenza no universo do poeta, Santiago de Compostela e A Coruña.
A vicepresidenta e responsable da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei e o autor Manuel Ferreiro interviron no acto de presentación ao que asistiron, entre outros responsábeis institucionais, o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, o alcalde de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco, o alcalde de Zas e deputado, Manuel Muíño, o tenente alcalde da Laracha, José Ramón Martínez, o concelleiro de Carballo e deputado, Xosé Regueira, a concelleira de Cultura de Tordoia, Manuela González Pallas e o concelleiro de Educación de Ponteceso, Carlos Penedo, ademais do secretario da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela.
Fonte
- Deputación.