Vidal Romaní leva o Monte Pindo ata a Real Academia Galega de Ciencias


O profesor Juan Ramón Vidal Romaní, vén de ser nomeado membro académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias. Unha boa nova para a nosa bisbarra pois o científico é gran amigo da Costa da Morte e coñecido pola súa loita contra a mina de ouro de Corcoesto (fantásticas as súas aportacións á documental “Tesouro de Corcoesto”) así como a defensa da calificación do Monte Pindo como Parque Natural.
”A Xeoloxía de Galicia: Como armar un crebacabezas" é o título do discurso pronunciado polo mestre, no que o Olimpo Celta estivo moi presente. O novo académico destacouno entre os dous eventos xeolóxicos máis antigos e relevantes da historia do noso País, consecuencia do choque de dous supercontinentes fai 350 millóns de anos, xunto co Pregue deitado do Courel (Quiroga); aínda que a diferencia dese, declarado Monumento Natural en 2011, a Xunta segue sen querer protexer o Monte Pindo mediante a declaración de Parque Natural, segundo explicou.
Vidal Romaní é continuador do traballo de Isidro Parga Pondal no Laboratorio Xeolóxico de Laxe que remataría sendo o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, que o propio académico preside desde a súa fundación. Asi mesmo, centos de publicacións e investigacións e ducias de teses doutorais dirixidas, verios deles centrados no Monte Pindo, certifican o contributo indiscutibel do amigo Vidal Romaní á disciplina científica da Xeoloxía. En todo caso, o discurso deixaba claro que “ existe unha débeda histórica coa xeoloxía galega”.
Presidente e secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural tiveron a honra de asistir a un evento científico de máximo relevo, e nunca mellor dito, nunha investidura que vén a saldar unha vella débeda da RAGC coa xeoloxía, pois aínda non contaba entre os seus membros con ningún especialista nesta disciplina.
Finalmente o profesor recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma de académico foille entregado polo reitor da UDC, Xosé Luis Armesto.
Novas relacionadas
- Descobren unha nova especie protexida no Monte Pindo.
- Argumentos para o Parque Natural Monte Pindo.
- Unha reflexión sobre a loita social bergantiñá na documental Tesouro de Corcoesto.
Fonte
- MPPN.