1.370kg: Mar de Fábula bate a súa marca de lixo recollido nunha soa xornada
- Mar de Fábula chama aos gobernos a organizarse na limpeza do noso litoral, hoxendía en mans do voluntariado
Non é ningunha boa nova, máis ben todo o contrario. Pero a cifra pon a alarma na cantidade de lixo mariño que está devolvendo o mar nestes meses de temporais. Este pasado domingo, a familia de Mar de Fábula recollía na limpeza realizada na praia do Lago de Camariñas, un total de 1.370 kg de lixo mariño, a súa marca máis alta dende que levan realizando limpezas.
Foron 20 as persoas que participaron na limpeza, pero o peor é que saben que de ter sido, 100, terran multiplicado por 5 a cantidade, pois ademais dos grandes plásticos, había moito lixo pequeno e microlixo que ficou no areal.
”Sen pretender ser alarmistas, xa vai sendo hora de que as imaxes que están circulando polas rede sociais e medios de comunicación, toquen a fibra sensible dalguén deste sistema”, sinalan dende a entidade. “A sociedade civil actuamos segundo os nosos medios, agora ben, para limpar de maneira efectiva e real o que hai na costa, pensamos que debería de estar impulsado, profesionaizado e coordinado dende xa non só dos concellos, senón dos gobernos centrais. O que hai aí fóra, escápasenos ao voluntariado espontáneo”.

O lixo
Mar de Fábula destaca unha vez máis, a necesidade de actuar na raíz do problema: atallar as fontes de contaminación dende a súa orixe. “Moito lixo gratuíto botamos sen descanso ao mar”.
Porque recolleron produtos hixiénico/sanitarios mal botados polo retrete e que piden a berros a necesidade de campañas informativas cidadás; os biosoportes das depuradora; botellas e botellas de plástico e refrescos que volven a falar da necesidade de dispoñer das máquinas SDDR (Sistema de Depósito, Devolución e Retorno de envases Retorna); os paos das liñas do mexillón, os "paos de batea", que piden urxentemente unha revisión do material plástico utilizado pola industria; a chegada á terra dunha cantidade importante de "cacharros", nasas ou polbeiras de plástico que poñen de manifesto as capturas ilegais por este medio…
A entidade agradece a colaboración asociación de Empresarios de Camariñas o apoio loxístico do Concello.



