Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Xunta continúa permitindo construír piscifactorías en zonas protexidas

A Xunta continúa permitindo construír piscifactorías en zonas protexidas
Piscifactoria do Cabo Vilan Imaxe da sempre polémica Piscifactoría do Cabo Vilán

A nova lei de acuicultura de Galicia, como as anteriores, continúa permitindo que as multinacionais poidan instalar as súas plantas en zonas de especial protección medioambiental. “Póñense dificultades, pero non se corta”, explicou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a presentación dunha normativa que, dixo, pretende ser “máis áxil” na tramitación burocrática.

Deste xeito, a Xunta non atendeu unha das demandas dos colectivos ecoloxistas que, desde hai anos, veñen reclamando a prohibición de construír plantas acuícolas en rede Natura. Unhas protestas que naceron logo da construción dunha megafactoría no espazo protexido do Cabo Touriñán.

Preguntada por GC sobre esta cuestión, a conselleira suliñou non hai prohibición de establecer plantas de acuicultura en ningunha zona e dixo que a lei da Xunta non recolle esta posibilidade porque “a directiva Hábitat permite o desenvolvemento da acuicultura nos seus espazos”. En todo caso, aclarou que en función de onde se vaia a instalar esa planta haberá uns requisitos “máis ou menos importantes”.

Neste caso en Galicia, desde o 2012, hai habilitadas catro zonas para instalar estas plantas. As zonas I e II, é dicir, as de menor protección ambiental, son as destinadas, principalmente, para desenvolver proxectos de acuicultura. As outras dúas son de máis protección, pero tamén están permitidas estas actividade nelas. “Os que se queiran desenvolver nas zonas II e IV será cando non exista espazo ou condicións suficientes para desenvolvelas nos espazos I e II. É dicir, nos de menos protección”, indicou.

Quintana insistiu en ningunha lei de protección medioambiental a a nivel internacional impide que desenvolver unha actividade de acuicultura. “O único está no rango de prohibicións ou limitacións que se lle poña a unha planta para desenvolverse nunha zona de especial sensibilidade protección”, engadiu.

Así, destacou que a nova lei se remite á Lei Hábitat da UE “na que se recollen todos os espazos que hai para desenvolver proxectos de acuicultura”. “Hai unha serie de requisitos medioambientais máis elevados que se establecen en todas as normas, tanto de integración paisaxística como de impacto medioambiental. É un dos capítulos máis importantes desta lei, pero quero resaltar que ningún organismo internacional ou en ningunha norma internacional existe prohibición de desenvolver acuicultura porque sexa incompatible co medio ambiente”, apuntou.

É dicir, as empresas que queiran realizar esta actividade en zonas protexidas, poderán facelo, previo informe favorable da Xunta. “O único que é máis custoso é desenvolver un proxecto de acuicultura nun espazo que teña maior protección medioambiental. Non hai que ter medo da acuicultura con respecto ao medio ambiente”, dixo a conselleira.

Durante a presentación da normativa, tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como a conselleira de Medio Rural e do Mar, sinalaron que esta lei busca facilitar e axilizar os trámites burocráticos para desenvolver esta actividade, brindará maior seguridade xurídica e tamén apostará por facelo compatible co medio ambiente.

Así, indicaron que a empresa deberá cumprir coas esixencias estritas ambientais en función da zona na que se atope e terá a obrigación de repor ao estado natural a zona onde estaba situada. Ademais, a lei obriga ao titular do proxecto á subscrición dun seguro de responsabilidade civil, que garanta os danos a terceiros e tamén deberán depositar un aval ambiental por posibles danos.

Tamén está explicitamente recollida a prohibición de verteduras, así como a introdución de especies foráneas. A nova lei, que será remitida en breve ao Parlamento para iniciar o seu trámite.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios