“Aldea Madeira, símbolo do desgoberno e desinterese do PSOE de Camariñas”
Paradigmático, sen dúbida, é o caso de Aldea Madeira. Un proxecto que explica varias formas de traballar na comarca arredor do turismo e a hostalería.
O complexo de Aldea Madeira era unha idea pioneira na comarca aló por 2007. A idea era estupenda. Un complexo creado no medio do monte que debería servir como escola de formación hosteleira, unha auténtica necesidade, aínda a día de hoxe, na Costa da Morte para profesionalizar o sector turístico. Pero tras apenas un par de cursos entre 2007 e 2009, acabáronse as subvencións da Xunta para os cursos de formación (aínda non chegaran os Obradoiros de Emprego) e as instalacións foron collendo po e humidade.
Dende entón, apenas abriron as portas en 2014, cando despois de varias queixas, unha asociación utilizou o espazo para facer unha festa-concerto.
10 anos van xa dende a última apertura, ata que en outubro de 2020 o goberno local de Camariñas e a Deputación anunciaban a intención de sacar “adiante o proceso de licitación para a rehabilitación” de Aldea Madeira. Pasaron os anos e antes do verán de 2023, a alcaldesa chegou a anunciar na prensa que tiña un prego para licitar Aldea Madeira.
Pregúntase hoxe o PP de Camariñas que foi deste proxecto, lembrando aquel pleno do 28 de xullo de 2023 cando Paula Mouzo lle preguntou a unha rexedora que informaba que o prego estaba feito pero tiñan que aclarar a propiedade dos terreos. En marzo de 2024, na sesión plenaria, a portavoz do PP volveu a preguntar pola licitación de Aldea Madeira, e a alcaldesa, despois de anos “vendendo” o tema explicou que había “outras cousas máis prioritarias” e que non podía dar “data exacta”. En maio deste ano o PP a pedir desde os medios de comunicación unha solución para Aldea Madeira.
”Non podemos estar calados diante desta situación de pasividade, e de falta de información e solucións por parte do concello nunha contorna que se encontra nunha situación de total abandono e onde se gastaron importantes cantidades de diñeiro público. Está claro que diferentes gobernos socialistas non foron capaces de buscar unha alternativa”, critica Paula Mouzo, que avanza que van seguir presentando iniciativas plenarias, mediante rogos e preguntas.
Desde o Partido Popular pedirán información sobre as características dos pregos que “teóricamente” estaban feitos, así como en que consistía a axuda prestada pola Deputación, se teñen previsto cumprir coa palabra dada e licitar a xestión do complexo ou se teñen outra alternativa.
En definitiva, dende o PP consideran que “o abandono de Aldea Madeira é un claro exemplo da apatía e a falta de ideas e traballo do goberno local que preside Sandra Insua e un símbolo do desgoberno e desinterese do PSOE de Camariñas”.
Historial de Aldea Madeira
- 2020: Camariñas proponse construir un Centro de Día e reabrir o abandonado complexo formativo de Aldea Madeira.
- Que foi do complexo de formación hostaleira de Aldea Madeira?.
- 2014: O Rebumbio da Costa estreou en Aldea Madeira a súa aposta pola música en vivo.
- 2009: A Costa conta xa con 40 profesionais máis do sector hostaleiro gracias á formación de Aldea Madeira.
- 2007: Arrinca en Camariñas a escola taller de turismo e hostalería Aldea Madeira.