As palilleiras ou o papel crucial da muller na actividade socioeconómico da Costa da Morte
          
    07:39 30/03/18 
            
 Fermosa foto histórica das Palilleiras de Encaixe de Camariñas (1912)
Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) indaga no proceso de transformación da Costa da Morte e a patrimonialización da artesanía téxtil do encaixe de Camariñas. Analízanse desde as representacións histórico-políticas da Costa da Morte e a súa xestión territorial e paisaxística ás poboacións e estratexias despregadas nas economías cotiás, prestando especial atención á transformación da industria encaixiera desde o século XVIII ata a actualidade.
“A tese céntrase nas transformacións biopolíticas que tiveron lugar na Costa da Morte e que operan sobre mulleres concretas nos procesos de patrimonialización da natureza, a economía e a tradición que están a ter lugar alí”, apunta a súa autora Guadalupe Jiménez. O traballo defínese, fundamentalmente, por introducir a crítica feminista nos estudos sobre os procesos de patrimonialización e por expor un xiro no tipo de preguntas de investigación: como se están representando ás mulleres, quen e como está a xestionar o patrimonio, como nos constrúe como suxeitos e como se distribúen as obrigacións e os beneficios no ámbito do patrimonio.
“O máis interesante que se expón desde o feminismo é a reordenación das prioridades de investigación, para pór os coidados e o mantemento no centro, así como unha repolitización da cultura e do patrimonio”, explica esta profesora de Antropoloxía da USC.
 Foto-Roberto Rua
 Guadalupe Jiménez Esquinas
Guadalupe Jiménez Esquinas (Córdoba, 1984) é licenciada en Antropoloxía Social e Cultural pola universidade Complutense de Madrid, Máster en Igualdade de Xénero (CSIC-UIMP) e doutora en Antropoloxía con mención internacional pola Universidade do País Vasco. En 2010 incorporouse ao Incipit para realizar a súa tese doutoral cun contrato JAE-PRE do CSIC. Realizou estancias de investigación na New York University, na Universidade de Buenos Aires e no IAPH.
As súas liñas de investigación versan sobre unha crítica feminista aplicada ao patrimonio, estudos de xénero en Galicia, análise dos procesos de patrimonialización e sobre a participación cidadá nestes procesos. Na actualidade, é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da Facultade de Filosofía.
 
Fonte
- Reportaxe do colaborador historiadegalicia.gal.