A Asociación A Croa de Camariñas camiño de converterse nunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta
Vímola nacer o pasado verán de 2023, e en apenas 6 meses xa ten incidencia a nivel autonómico. A familia da Asociación de Propietarios Forestais (APF) A Croa de Camariñas recibía onte a visita do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que recoñecía a vontade da entidade de converterse en agrupación forestal de xestión conxunta, unha figura creada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que busca optimizar a xestión deste tipo de entidades.
O colectivo veciñal ten como obxectivo poñer en valor os montes da zona, incidindo especialmente en aproveitamentos como a resina ou os cogomelos, e darlle visibilidade ás necesidades dos enclaves naturais da contorna de Camariñas. Para iso a Xunta lembra as axudas -publicadas recentemente no
Diario Oficial de Galicia- para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e o asociacionismo forestal en réxime de concorrencia competitiva, que están dotadas cun orzamento de preto de 2,4 millóns de euros.
A xornada serviu para realizar unha visita técnica a terreos da comunidade, para coñecer, entre outras cousas, o estado da rede de faixas de xestión da biomasa existentes e abordar, por parte da Consellería do Medio Rural, a posibilidade de establecer liñas de colaboración con esta agrupación, co fin de deseñar unha rede de
infraestruturas preventivas e xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas.
Novas relacionadas